CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Os premiados no Concurso de Maios e coplas 2022 do Barco e do “voto aberto”

 

Maxia e premios na recta final da celebración da Festa dos Maios no Barco. A partir das seis da tarde do 1 de maio, nenos e maiores desfrutaban da actuación do Mago Martí Camiña, e, despois, chegaba o momento máis esperado da xornada: coñecer o fallo do xurado e, polo tanto, os traballos premiados. A ese fallo dáballe lectura o técnico de Cultura do Barco, Gustavo Docampo, pasadas as sete da tarde.

Comezando polos Maios, na categoría de enxebres o primeiro premio (300 euros) correspondíalle ao presentado pola Anpa Aturuxo do CEIP Julio Gurriarán, o segundo (250 euros) ao Maio da Asociación Mulleres Rurais de Veigamuíños e o terceiro (150 euros) ao do CEIP Conde Fenosa. Ademais concedíanse dous accésits (de 50 euros cada un) aos Maios do CEIP Otero Pedrayo de Viloira e ao presentado pola ANPA do Colexio Divina Pastora.

No caso dos Maios artísticos, o primeiro premio (300 euros) correspondíalle ao do CEIP Condesa de Fenosa e o segundo (250 euros) ao de Asfaval.

Xa no caso das coplas, o primeiro premio do certame (200 euros) lográbao tamén a ANPA Aturuxo do CEIP Julio Gurriarán e o segundo a ANPA do Colexio Divina Pastora, mentres que o CEIP Otero Pedrayo de Viloira conseguía un accésit (50 euros).

O voto aberto do CCA

Ademais do fallo dos votos do xurado, tamén nesta edición o público que visitaba os Maios tiña a oportunidade de votar polo que máis lle gustase. A iniciativa resultaba todo un éxito e centos de persoas depositaban as súas papeletas na urna instalada polo CCA no recinto da mostra de artesanía.

O Maio ganador deste “voto aberto” era o presentado polo CEIP Condesa de Fenosa, tal e como anunciaba a xerente do Barco CCA, Ainhoa Carracedo. O premio era un vale de 100 euros para gastar nos establecementos asociados ao Barco CCA.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button