OurenseÚltima hora

Os propietarios de mascotas de Ourense teñen unha cita este domingo no III Canicross

A proba comezará ás 10:15h. e percorrerá tres quilómetros á beira do Miño
Presentación do III Canicross Oira-A Lonia de Ourense.

Estreitar os lazos entre a cidadanía e as súas mascotas, é o obxectivo do Canicross Oira-A Lonia que celebrará a III edición este domingo 20 de xaneiro en Ourense.

A presentación desta proba, organizada pola Asociación Cultura e Deportiva de Propietarios de Mascotas de Ourense, APMOU, tiña lugar nun acto que contou coa presenza da concelleira de Sanidade, Sofía Godoy; do concelleiro de Medio Ambiente,  José Araújo; o xerente do Consello Municipal de Deportes,  Mario González; a presidenta de APMOU, Inés Quintián; a secretaria da entidade, Luz Dacoba e a Tesoreira, Susana Trigo.

A concelleira de Sanidade Sofía Godoy animou aos ourensáns a “poñer en forma ás súas mascotas e eles mesmos nunha actividade familiar”. Pola súa banda Inés Quintián, de APMOU recordou que os animais deben ir “con colar e arnés homologados” e que “haberá un trofeo e dúas medallas” e invitou a todo o mundo a participar “porque non se trata de quen chegue primeiro, xa que haberá premios para todos”.

A proba comezará ás 10:15 horas e terá a súa saída na explanada das Piscinas de Oira, pero os participantes deberán achegarse a partir das 9 horas para inscribirse e para o control veterinario. O circuíto terá unha distancia de tres quilómetros e desenvolverase por un camiño de terra á beira do ríoo Miño. Haberá tres categorías: masculina, feminina e infantil, con premio para os tres primeiros en finalizar a carreira en cada unha.

Para participar no III Canicross de APMOU pódese descargar a folla de inscrición na páxina web da entidade (apmou.com) cubrila e presentala o día da proba. Pero tamén será posible inscribirse “in situ” nas follas de inscrición que se facilitaran na carpa de información o propio domingo. O prezo da inscrición é de 5 euros e inclúe un pano para o can, un mordedor, unha botella de auga e unha bolsa para cada participante.

Artigos relacionados

Back to top button