CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Os rapaces da ludoteca de Verín desfrutan da súa “semana grande” con propostas como a “Ludobatucada”

Participantes na ludoteca./Foto: Concello de Verín.

 

A ludoteca e o campamento urbano municipais, organizados pola Oficina Municipal de Información Xuvenil da área de Benestar Social do Concello de Verín, están a vivir a súa semana grande con divertidas actividades variadas. Despois de rematar a semana pasada con iniciativas relacionadas coa auga, como a excursión ao parque acuático Naturwaterpark ou o inchable piscina tobogán de auga, esta semana ofrécense propostas moi diversas que culminarán o venres 28 de xullo co tradicional desfile da “Ludobatucada”.

O luns 24 de xullo, os nenos e nenas da ludoteca e do campamento urbano realizaron diferentes actividades como manualidades variadas (plastilina caseira, pulseiras de fío, medusas con platos), xogos, horto urbano e contacontos. O martes 25 de xullo, celebraron o Día da Patria Galega con actividades culturais e lúdicas sobre a historia, a lingua e as tradicións de Galicia.

Onte e hoxe, 27 de xullo, os maiores do campamento ían á Pousa (club de Sendeirismo), onde farán xogos e unha ruta sendeirista. Os maiores da ludoteca participaran nunha xincana na praza García Barbón polo día e nunha acampada no Princesa de España pola noite. Os máis pequenos da ludoteca farán actividades cos avós e avoas, por ser o seu día, unha superfesta de disfraces, un diario das emocións, etc.

O venres 28 de xullo será o día grande da semana, co desfile da “Ludobatucada”, que este ano terá como temática o “Mundo Mariño”. Máis de 260 nenas e nenos desfilarán polas rúas de Verín dando a benvida á Batucada 2023. A actividade comezará ás 11:00 horas co “Desfile da ludoteca especial Batucada” que sairá do CEIP Amaro Refojo e percorrerá as rúas Laureano Peláez, Praza do Concello, Praza da Mercé, Rúa da Cruz e Praza García Barbón. Tanto na Praza do Concello como na Praza García Barbón dous grupos de nenos farán un baile. Tamén participarán nenos e nenas das ludotecas de Vilardevós, Cualedro e Portas Abertas. A festa rematará coa xa tradicional “Festa Infantil da Ludoteca” no CEIP Amaro Refojo, onde haberá música e baile.

A ludoteca e o campamento urbano de Verín son dúas iniciativas que teñen como obxectivo ofrecer un espazo educativo e divertido para os nenos e nenas durante as vacacións escolares, fomentando valores como a convivencia, a solidariedade, a creatividade e o respecto ao medio ambiente. As actividades están dirixidas por monitores titulados e especializados en diferentes ámbitos.

 

Artigos relacionados

Back to top button