
Nas crenzas, costumes ou rituais relacionados tradicionalmente coa despedida ou coa morte nas terras de Viana do Bolo centra o seu último traballo o investigador Carlos X. Ares Pérez. Está incluído dentro do volume “Achegas ao Patrimonio Inmaterial Galego”, coordinado por Rafael Quintia, no que tamén participan, tocando diversas temáticas, outros oito autores: Sara Alonso, Lina Álvarez, Víctor Caride, Ana Durán, Pilar López, Lidia Mariño, Natividad Rey e Cruz Vázquez. Esta obra presentábase o pasado 10 de xuño na Casa das Campás de Pontevedra.
No seu traballo, o vianés Carlos X. Ares parte de “crenzas que fan referencia a diferentes mundos como puidesen ser os dos animais, seres mitolóxicos, aparicións e mesmo persoas que intermedian entre as vidas de aquí e do máis alá” e na súa explicación bota man de textos de autores como Nicolás Tenorio.
Tamén aporta unha serie de referencias históricas e logo céntrase nos costumismos da morte, nos lugares de enterramentos e nas historias ligadas a eles ata chegar ás relacións entre os vivos e os falecidos, comparándoos ademais coas crenzas doutros lugares de Galicia.
