
Castro Caldelas acollerá na xornada do sábado 20 de agosto o XIX Festival Ponte Louco, cun programa que incluirá música e actividades lúdicas. “Teremos música para desfrutar de todos e actividades para cativos neste histórico festival que volve con forza despois da pandemia e que terá como marco incomparable o Castelo”, din dende a súa organización.
Así ás 16:30h están previstos xogos tradicionais nos Xardíns do Santuario, ás 19h. haberá cantos de taberna polos bares da vila e, xa pola noite, darase paso aos concertos no Castelo.
Os primeiros en actuar serán Maskarpone, seguidos do grupo SkaloPndras de Manzaneda e de Mekanika Rolling Band.
A Asociación O Irrio de Castro Caldelas organiza co Concello este Festival adicado a mocidade pero onde hai un completo programa para todas as idades. “Os cantos de taberna acadan unha gran participación tanto de grupos como de público que gusta moito destas manifestacións polos bares da vila. Ledicia, ganas de pásalo ben, moito baile e música por todos os recunchos de Castro Caldelas. E como broche final os concertos no Patio de Armas do Castelo”, explican os promotores.
