PolíticaÚltima hora

Os socialistas aseguran que o executivo de Rajoy “cercenou” o proxecto do AVE galego

O Ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, compareceu na Comisión de Fomento para asegurar que o AVE chegará a Galicia “canto antes”
O ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, durante a súa comparecencia na Comisión de Fomento.

O ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, compareceu onte ante a Comisión de Fomento para tratar temas como a AP-9 ou a chegada do AVE a Galicia. Os temas relacionados coa alta velocidade galega foron plantexados polo voceiro de Unidos Podemos por Tarragona, Félix Alonso. Aínda que tamén estivo presente na Comisión a deputada de En Marea, Alexandra Fernández.

O Ministro respondeu ás cuestións plantexadas asegurando que o AVE a Galicia ía chegar “canto antes” xa que é un proxecto “necesario” para España. Por outra banda, asegurou que se poría en contacto coa Xunta para informar da evolución dos tramos que se atopan paralizados nestes momentos. De la Serna tamén aproveitou a ocasión para volver a reafirmar o seu compromiso coa variante exterior de Ourense, e recordou as súas desculpas polas declaracións “confusas”, asegurou, ao respecto.

Pero o Partido Socialista manifestou a súa desconformidade ante estas palabras do titular da carteira de Fomento. O deputado socialista galego, Guillermo Meijón, adscrito a devandita Comisión, criticou as declaracións de De La Serna: “as palabras do ministro demostran a evidente decisión do Goberno de Rajoy de cercenar o proxecto da chegada do AVE a Galicia, deixándoo irrecoñecible respecto ao proxecto que se atopou o Goberno do PP á súa chegada á Moncloa”.

Meijón reprochou que “o Goberno de Rajoy, con Núñez Feijoo como cómplice, frustrou calquera expectativa de cumprir os prazos establecidos”. O socialista sentenciou que “xa recoñecen que será imposible no 2018 e falan do 2022, tratarase doutro imposible de Rajoy”, recalcou.

Ao mesmo tempo reproba que “o Goberno do PP pretende un AVE con tramos de vía única en tramos importantes do seu percorrido, con túneles que non se construirán, co trazado cara a Pontevedra e Vigo por Cerdedo, que todo indica que non o pensan executar”. No eido da variante exterior de Ourense, Guillermo Meijón dixo que “ata o seu alcalde e correlixionario de partido ve como pretendían atrasar ata nunca xamais e explotou na súa defensa”.

O deputado socialista asegurou que o Goberno do PP “mentiu” aos Galegos cunhas cifras nos Presupostos Xerais do Estado que só serviron, dixo, para que “os galegos no Goberno de Rajoy e Pastor puidesen maquillar as contas da inversión na comunidade”. Meijón cifrou en “máis de mil millóns de euros” sen executar, con niveis de execución, recalcou, “que non chegan ao 40% e que no primeiro semestre de 2016 baixaron ao 16%”.

Artigos relacionados

Back to top button