PolíticaÚltima hora

Os socialistas ourensáns inician o curso político co obxectivo de “propiciar o cambio na provincia”

Celebraban en Barbadás a súa Comisión Executiva Provincial co mirada posta na convocatoria das eleccións municipais

 

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar a súa Comisión Executiva Provincial en Barbadás, coincidindo co inicio dun curso político que ten no horizonte a celebración das eleccións municipais e xerais. O seu obxectivo é “desbloquear a provincia, rematar con anos de desleixo e abandono e propiciar o cambio para que Ourense teña por fin o futuro que merece”.

Dende a executiva provincial socialista seguen apostando por celebrar as súas comisións en diferentes puntos da provincia e desta vez desprazáronse ata Barbadás, un dos concellos que segundo oas socialistas “é un dos faros da provincia, un lugar no que hai esperanza, vida e futuro e no que o PSOE demostrou que é capaz de mudar o sino dun municipio que durante anos estivo sumido en dinámicas nada positivas da man do Partido Popular”.

O alcalde de Barbadás e secretario de economía da executiva provincial, Xosé Carlos Valcarcel Doval, sinalou que “é o momento de arrancar e darlle un novo pulo ao partido, tal e como se pretende tamén dende as direccións nacionais e federal, co obxectivo de recuperar folgos e achegar á veciñanza as políticas de progreso e proximidade que se están realizando”.

Valcarcel Doval tamén quixo facer fincapé en que a finalidade da executiva provincial “é pór en marcha a maquinaria política a efectos de manter esa proximidade coa veciñanza e co obxectivo claro de manter e medrar en votos, acadar a alcaldía da capital e manter e incrementar as alcaldías que hai no ámbito rural e que son o exemplo do bo facer do PSdeG-PSOE na provincia de Ourense”.

Pola súa banda, o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, puxo o foco en que o PSOE “está facendo a nivel de Estado un dos maiores investimentos na provincia”. Unha provincia que segundo destacou o líder dos socialistas ourensáns “está afastada de todas as posibilidade de desenvolvemento, tras anos dun goberno provincial que ten demostrado a súa incapacidade de mudar as cousas”. Neste senso, tamén salientou que “o PP ten pasado, pero carece de presente e moito menos ten futuro, namentres que o PSOE sucédelle ao revés, é un partido de presente e futuro, con moito talento e potencial e que vai rachar co bloqueo nas próximas eleccións”.

Rodríguez Villarino tamén quixo mandar unha mensaxe de “esperanza” á cidadanía da provincia e destacou que o PSdeG-PSOE de Ourense “conta con persoas competentes e con esa esperanza e capacidade para traballar, e proba delo é esta executiva provincial, na que están persoas que demostran a diario a súa valía”. Por último, o líder do PSOE ourensán tamén quixo facer unha reflexión sobre “que sería deste país se houbese estado outro partido ao fronte nesta situación de crise”.

Artigos relacionados

Back to top button