PolíticaÚltima hora

Os socialistas pedirán no Parlamento galego un centro de referencia para a silicose en Galicia

Ademais de presentar unha iniciativa nese senso na Cámara galega, tamén o farán no pleno da Deputación de Ourense

 

Despois de reunirse co Clúster da Pizarra de Galicia e co sindicato UXT en Valdeorras, a deputada autonómica do PSdeG, Carmen Rodríguez Dacosta; o secretario provincial do partido socialista, Rafael Rodríguez Villarino, e o concelleiro barquense, Aurentino Alonso, ofrecían unha rolda de prensa na sede do partido no Barco para anunciar a presentación de sendas iniciativas no Parlamento galego e na Deputación de Ourense para reclamar a creación dun centro de referencia para tratar a silicose en Galicia.

“Queriamos que o sector nos trasladara as súas inquedanzas sobre esta enfermidade, que está medrando de forma exponencial na provincia, en concreto en Valdeorras. De feito, un estudo realizado polo Instituto Nacional de Silicose fala de que os casos se multiplicaron por dez na última década, no ano 2018 podemos falar de detección de 97 casos, e podemos dicir que a maioría obviamente son desta zona. E no 2021 xa se falaba de 70 casos, 50 en activo. A conclusión á que chega tanto a parte empresarial como a sindical, e que se plasmaba no artigo 46 do convenio laboral aprobado recentemente, é a mesma. Nel din que ambas partes comprométense a instar á Xunta para a creación dun centro de referencia ou un organismo similar de ámbito galego para o diagnóstico para a deteccion, para a valoración, para o seguemento e tratamento da silicose dos traballadores do sector”, aseguraba Carmen Rodríguez.

Neste senso a parlamentaria explicaba que “por iso estamos hoxe aquí, o grupo socialista, tanto o parlamentario como o provincial entendemos que esta é unha reivindicación que tiña que partir de Valdeorras, porque é o centro no que por desgraza temos esta enfermidade por actividade, pero unha actividade a da lousa, principal, non só para a comarca de Valdeorras e para a provincia, senón para toda Galicia. Por iso nós temos que apoiar aos sectores estratéxicos e, neste caso, ao sector da lousa”.

 

A parlamentaria Carmen Rodríguez.

 

Carmen Rodríguez indicaba que esta reivindicación “témola que trasladar ás distintas institucións”. Referíndose en concreto ao Parlamento galego, a deputada autonómica socialista adiantaba a presentación dunha iniciativa relativa a esta cuestión. “Podería ser un centro de referencia ou unha unidade de referencia da silicose en Ourense e outra en Vigo que estiveran coordinadas porque sabemos tamén que en Pontevedra no sector da granito teñen esta problemática. Esta podería ser unha das opcións a estudar. Son dúas unidades moi necesarias. Agora os traballadores teñen que desprazarse a Oviedo, iso ten que ser resolto pola Xunta”, indicaba. Nesa iniciativa tamén se pedirá ao goberno galego “un plan integral de silicose para Galicia porque entendemos que todas as consellerías de Emprego, de Industria e de Sanidade deben traballar conxuntamente cos actores implicados para o cumprimento da lexislación en materia preventiva fundamental nesta materia: empresarios, sindicatos, cos servizos de prevención e as mutuas, co INSS, co Instituto de Silicose…”.

Despois, Rafael R. Villarino, secretario provincial do PSdeG, agradecía a recepción tanto no Clúster da Pizarra de Galicia como na UXT, “onde nos deron a infomación que necesitabamos á vista dos datos dos que xa dispuñamos previamente para valorar debidamente a necesidade deste centro de referencia para o tratamento da silicose e como iso encaixa co plan integral do partido socialista para actuar sobre un sector que é estratéxico nunha provincia que carece de planifación estratéxica”. Ademais resaltaba a importancia de “protexer a saúde de todas as persoas que traballan neste ámbito, cando nin sequera hai un neumólogo que atenda á comarca, necesitándose un centro de referencia. Temos que tomar algún tipo de medida porque esta situación é insostible”. Villarino anunciaba asemade a presentación dunha iniciativa na Deputación provincial para “que preste atención e inste á propia Xunta de Galicia a tomar estas medidas”.

 

 

Preguntada sobre onde se debería situar esa unidade ou centro de referencia (tendo en conta que na manifestación do pasado 28 de novembro en defensa do Distrito Sanitario de Valdeorras se pedía a creación dun servizo de neumoloxía no Hospital de Valdeorras para tratar especificamente a silicose), a parlamentaria Carmen Rodríguez respostaba que “se podería establecer en Ourense aproveitando os neumólogos que ten a propia Seguridade Social, simplemente aumentando ao mellor o cadro médico, non é facer algo que parta de cero”; aínda así matizaba que “nós estaríamos abertos a calquera posibilidade. É a Xunta a que tamén ten que pór enriba da mesa posibles solucións a esta problemática porque se fala dun problema a nivel galego”.

Pola súa banda, Rafael R. Villarino apuntaba que, “chegado o caso, e dada a casuística, se a maioría de persoas afectadas están nesta comarca pois habería que potenciar xustamente que esa unidade estivese aquí, parece o máis lóxico, o máis razoable; pero non é unha cuestión que nós queiramos decidir en solitario, pero eu imaxino que o sentido común levaría a todo o mundo a formular unha proposta nese senso, pero non está explicitado”.

Os representantes socialistas tiñan previsto despois unha reunión con representantes do Hospital de Valdeorras, tal e como adiantaba o concelleiro barquense Aurentino Alonso.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button