ConcellosFolgoso de CaurelÚltima hora

Os soutos, eixo do Seminario sobre patrimonio cultural na Estación Científica do Courel

sta actividade de divulgación científica é de carácter gratuíto desenvolverase do 24 ao 26 de setembro

 

O universo dos soutos, a súa pegada nas manifestacións culturais, nos costumes, na paisaxe de montaña, e mesmo as súas utilidades produtivas, gastronómicas e a súa incidencia nas prácticas agrícolas será o eixo da cuarta edición do Seminario O Patrimonio Cultural Courelá, un foro promovido desde a Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración coa Asociación de Desenvolvemento Rural do Courel e a Deputación Provincial de Lugo, que se desenvolverá do 24 ao 26 de setembro, nas instalacións e nos exteriores da Estación Científica do Courel. Esta actividade de divulgación científica é de carácter gratuíto para as persoas interesadas, que poden formalizar xa a súa inscrición de balde no enderezo electrónico estacion.courel.inscricions@usc.es.

As sesións encetaras o etnobotánico e profesor da Universidade Europea de Madrid, Emilio Blanco Castro, o 24 de setembro, ás 18.30 horas abordando “Os soutos na cultura tradicional do Courel 25 anos despois”. Xa o sábado día 25, a farmacéutica e autora do libro ‘María das Herbas e as herbaxeiras do Caurel’, María Moure de Oteyza, e o traballador social do Courel Xesús. A. Parada Jato, abrirán a quenda de intervencións cunha exposición sobre os usos e costumes dos soutos na comarca.

“Os soutos como elementos característicos da paisaxe cultural. Os drons como ferramenta de análise” é o título do relatorio que ofrecerán neste foro os docentes investigadores da USC Silvia Calvo Iglesias e Ramón Alberto Díaz Varela, que darán paso ao profesor da UVigo Castor Muñoz Sobrino, quen, na última sesión matinal, ofrecerá datos polínicos da presenza de Castanea no Courel. Xa durante a tarde, as persoas inscritas percorrerán soutos, ao tempo que visitarán instalacións nas que se pode ollar aparellos e mobles feitos de castiñeiro.

O catedrático do Departamento da Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría Antonio Rigueiro abrirá o domingo, ás 11h., o programa coa charla “Castiñeiros e soutos monumentais en Galicia e no Courel”. De seguido, o xeógrafo Luis Guitián Rivera pechará este seminario sobre patrimonio cultural courelá co relatorio “Dinámica e evolución dos soutos e o seu papel no sistema agrícola tradicional do Courel”.

 

Artigos relacionados

Back to top button