SanidadeÚltima hora

Os tres hospitais de Ourense renovan o seu compromiso co labor social da AECC

O obxectivo principal dos voluntarios e persoal da asociación nos hospitais é prestar apoio e acompañamento, orientación, apoio psicolóxico e social aos pacientes con cancro e as súas familias

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras vén de renovar o convenio de colaboración coa Asociación Española contra o Cancro (AECC), que facilita a presenza do persoal e voluntariado desta institución de apoio ao paciente oncolóxico e as súas familias nos tres hospitais públicos de Ourense, Verín e Valdeorras.

O convenio foi asinado no Hospital Universitario de Ourense polo xerente da Área Sanitaria, Félix Rubial Bernárdez, e polo presidente da xunta provincial da Asociación Española contra o Cancro en Ourense, Germán Rodríguez-Saá, coa presenza da xerente da asociación, Carmen Aragonés.

Desde 2019, a cesión de uso das salas de traballo extendeuse ao hospital de Verín, completando así a labor da AECC a toda a rede pública provincial. O documento regula e recolle os obxectivos das labores de voluntariado, desenvolvidas pola asociación en prol dos enfermos oncolóxicos nos tres hospitais, xa que ademais do da cidade, os dous comarcais ofertan asistencia oncolóxica, con hospitais de día para os tratamentos de quimioterapia e consultas, un servizo no que Ourense foi pioneiro, xa que era pouco habitual fora da nosa provincia.

No caso do Hospital Universitario de Ourense a actividade e labor social da AECC esténdese ademais de aos pacientes de Oncoloxía Médica, aos de Oncoloxía Radioterápica e Hematoloxía, así como a outros servizos responsables do tratamento dos distintos tipos de cancro, como Medicina Nuclear.

O obxectivo principal dos voluntarios e persoal da AECC nos hospitais é prestar servizos de apoio e acompañamento, orientación, apoio psicolóxico e social. Tanto en Ourense como en Valdeorras e Verín dispoñen ademais do “Carriño Don Amable” instrumento de achega, apoio e desconexión, desde o que ofrecen un café, lectura, un caramelo ou unhas verbas de alento nas plantas de oncoloxía, consultas ou hospitais de día.

 

 

Coordinación e colaboración

Mediante a sinatura do convenio, o Sergas comprométese a facilitar a labor de voluntariado facilitándolle un despacho, dotado con liña telefónica e equipo informático, para a reunión dos voluntarios, cos pacientes, etc. así como para realizar labores de coordinación ou realizar diversas actividades.

Pola súa parte, a Asociación obrígase a aportar o persoal e voluntarios, facéndose cargo das súas obrigas laborais ou seguros, seleccionar e formar aos participantes, equipalos e identificalos.

Evitar traslados aos pacientes de Verín e Valdeorras
Ourense foi a primeira provincia a nivel nacional en descentralizar o tratamento oncolóxico, por medio da creación de Hospitais de Día e consultas oncolóxicas para o tratamento quimio-terapéutico dos pacientes destes distritos sanitarios, evitando así o seu desprazamento ao hospital de referencia, en Ourense.

Estes tratamentos, que habitualmente só están dispoñibles nos hospitais xerais, obrigan aos pacientes a longos desprazamentos, antes e despois de recibir tratamento, ou para pasar consulta.

Con esta iniciativa hai máis de dez anos, Ourense marcou unha senda, da man do seu Servizo de Oncoloxía, que está ser seguida a nivel nacional. Con elo optou por priorizar a coordinación interhospitalaria con vocación de humanizar a asistencia e calidade de vida do paciente oncolóxico, evitándolle viaxes e traslados, co obxectivo último de garantir a equidade, universalidade e accesibilidade dos cidadáns á sanidade pública, indistintamente do seu lugar de residencia.

Entre ambos comarcais atenden a unha media anual de mais de 200 pacientes, evitando así miles de desprazamentos, xa que unha das características destes tratamentos é a súa administración en ciclos. Cada ciclo está composto a súa vez por un número variable de sesións de quimioterapia, polo que a duración destes depende de cada doente e da súa evolución.

Artigos relacionados

Back to top button