
A vea solidaria do equipo de veteranos do C.D. Rúa non é descoñecida. De feito, cada ano, durante o Nadal organizan un partido benéfico para recadar alimentos que ceden ás Voluntarias da Caridade, as encargadas de repartilos entre os que os precisen.
Agora, en plena crise sanitaria e tamén económica na que os máis desfavorecidos son tamén que máis a padecen, no poden xogar, pero iso non lles impide aportar o seu gran de area. O domingo, a través das redes sociais facían un chamamento á solidariedade, para axudar ás familias máis necesitadas da vila. “Hai xente non moi lonxe de nós que o está pasando moi mal e nós queremos estar aí para axudalas dentro das nosas posibilidades”, explican, así que decidían facer catro compras de alimentación a catro familias, convidando á xente que se unise á súa”.
A colaboración non se fixo esperar e apenas 48 horas despois e grazas ás aportacións, xa levaban recadados 1.145 euros. “Se sabedes dalguna familia que o necesite, poñédevos en contacto connosco, e estaremos encantados de axudar coas aportacións que recibimos”, conclúen satisfeitos coa resposta da xente.
