EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Os viños da D.O. Monterrei chegan a Zaragoza

Cedida.

 

Durante os días 26 e 27 de setembro, os brancos e tintos da Denominación de Orixe Monterrei serán protagonistas de tres actividades destinadas á canle Horeca e escolas de hostalería en Zaragoza. A primeira delas terá lugar o día 26, a partir das 20 horas, na sala de catas Enoteca Khantaros. Un lugar de referencia en Aragón para cata de viños, que conseguiu no ano 2021 o galardón do Grupo Gourmet como mellor tenda de viños especializada en España.

Esta actividade estará conformada por unha presentación, na que se mostrarán aos socios desta viñoteca, as características edafoclimáticas, tipoloxía de viños e cultura vitivinícola de Monterrei, entre outras cuestións; ademais de coñecer as diferentes elaboracións a través dun túnel de viños da denominación.

Xa na xornada do 27 de setembro, entre as 9 e 11 horas, o IES. Miralbueno Hostalería e Turismo de Zaragoza acollerá a actividade ‘As portas do viño de Galicia: Monterrei’. A mesma estará destinada a unha trintena de alumnos/as e docentes deste centro, e nela presentaranse as peculiaridades deste territorio, e o que o diferencia doutras rexións vitivinícolas do país.

Xa en horario de tarde, a sede da Asociación de Maîtres e Profesionais de Sala de Aragón, será testemuña dunha masterclass para os membros da mesma. Dita iniciativa contará cunha sesión formativa sobre a denominación, cata de viños de Monterrei e harmonía dos mesmos con diferentes elaboracións gastronómicas de Aragón.

As adegas que formarán parte destas tres iniciativas promocionais en Zaragoza son as seguintes: Ladairo, Gargalo, Castro de Lobarzán, José Luis Gómez Ibáñez (Valderello), José Antonio Da Silva Pereira (Viños Lara), Crego e Monaguillo, Terras do Cigarrón, Triay, Terrae Monterrei, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Fragas do Lecer, Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Pazo de Valdeconde, Tabú, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Franco Basalo, Trasdovento, Manuel Vázquez Losada e Manuel Regueiro García (Serra de Alén).

“Trátase de tres iniciativas complementarias que permitirán mostrar o noso produto e territorio, a diferentes colectivos, desde o ámbito educativo, ás canles de hostalería e restauración”, destaca o presidente do Consello Regulador da D.O. Monterrei, Jonatás Gago, “e deste xeito reforzar a presenza dos nosos viños e adegas en Zaragoza, a quinta cidade máis grande do país, co obxecto de non só afianzar as canles de comercialización actuais, senón tamén abrir outros novos”.

Artigos relacionados

Back to top button