En portadaÚltima hora

Os viños valdeorreses, na Hong Kong International Wine and Spirits Fair

Na mostra estarán os brancos e tintos de 9 adegas da D.O.: Manuel Corzo, A Coroa, Terriña, Sampayolo, Melillas; Roandi; Viña Somoza, Bodegas e Viñedos; Cooperativa Xesús Nazareno e Viña Fornos
Godello de Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

Por vez primeira o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras promocionará os seus viños na Hong Kong International Wine and Spirits Fair, unha mostra chinesa que se desenvolverá do 9 ao 11 de novembro. Ata alí desprazaranse o presidente desta D.O., José Luis García Pando, xunto co director técnico do organismo, Jorge Mazaira. O obxectivo é “entablar contacto directo con potenciais distribuidores, restauradores, xornalistas especializados e outros grupos de interese que poidan actuar no territorio chinés como prescritores dos viños de Valdeorras”, segundo García Pando. Xunto a isto, a idea é “chegar tamén directamente aos consumidores finais, posto que se trata dun evento que visita un gran número de persoas”.

A Hong Kong International Wine and Spirits Fair está considerada “unha das feiras vinícolas máis relevantes de cantas se celebran no continente asiático”, segundo destaca o presidente do consello regulador valdeorrés. “O consumidor medio chinés dispón cada vez dun maior poder adquisitivo e valora moito os viños europeos. Por iso, o da China é un enorme mercado potencial que debemos ter moi en conta á hora de exportar”, engade.

O espazo expositor da D.O. Valdeorras, de 9 m2, está situado no Pavillón de España do recinto feiral (3D-A03). Neste stand, un total de nove bodegas da comarca exhibirán as súas referencias de brancos e tintos: Manuel Corzo; A Coroa S.A.T; Terriña S.L; Sampayolo S.L; Adega Melillas e Fillos S.L; Roandi S.L; Viña Somoza, Bodegas e Viñedos S.L; Bodega Cooperativa Jesús Nazareno S.C.G e Viña Fornos GRS C.B. Ademais, os viños valdeorreses serán tamén protagonistas nun seminario que o ICEX organizará, no marco da feira, na zona de Tasting do Pavillón de España.

Artigos relacionados

Back to top button