CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Os XX Encontros Familia-Escola abordarán no Barco a idea de que “outra educación é posible”

Estenderanse do 27 de febreiro ao 25 de maio e incluirán seis conferencias

O presidente de Vagalume e a concelleira de Cultura do Barco, na presentación dos encontros.

 

Adicados a “todos aqueles nenos e nenas que por diversas razón se atopan nesa alta porcentaxe de alumnado que non goza da etapa escolar, que non acada resultados brillantes, que non saca boas notas; pero que aínda así seguen a ser, ou deberían ser, persoas importantes para alguén (familiares, mestres, amigos,…), están os XX Encontros Familia-Escola que se celebrarán entre o 27 de febreiro e o 25 de maio no Barco de Valdeorras.

A presentación da XX edición dos encontros contou coa presenza da concelleira de Cultura do Barco Margarida Pizcueta e do presidente da Asociación Vagalume, organizadora do programa  José Fernández. Eles serán tamén, xunto ao alcalde do Barco Alfredo García, os encargados de abrir o programa o luns 27 de febreiro ás 19:30 horas no Teatro Lauro Olmo. Ese día a conferencia inaugural correrá a cargo de Luz Rello, fundadora de Change Dyslexia, Premio Princesa de Girona, Premio Nuevo Investigador da Asociación Internacional de Dislexia e autora entre outros de Superar la Dislexia que falará sobre “Os soños non se len. Fanse realidade”.

 

Luz Rello, encargada da conferencia inaugural.

 

Na presentación dos encontros, explicaron que os nenos aos que está adicada esta edición necesitan o noso apoio, pero tamén necesitan seguridade e confianza en si mesmos e amor, moito amor incondicional para cumprir os seus soños. “Unha realidade que debemos aprehender a través dun cerebro en proceso de maduración, incapaz de xestionar as propias emocións, a impulsividade, a ira, a rabia, o enfado ou a alegría, tal como porá de manifesto David Bueno”, avanzaban.

Un cerebro torpe para favorecer o autocontrol, a planificación, a inhibición de impulsos, a atención, as función executivas como explica Jesús Guillén. “E se falamos de emocións, sentimentos, empatía, Begoña Ibarrola ensínanos a ‘surfear as emocións’ potenciando a resiliencia, confianza, creatividade e empatía; a ensinar na felicidade, espertando a curiosidade polo entorno, pola beleza e buscando a paixón nas cousas que facemos, querendo aprender sempre, mantendo un espirito crítico e unha disposición de goce”, din dende Vagalume, asegurando que “só así estaremos preparados para aprender, fortalecendo a autoestima e sendo capaces de facer fronte ás ameazas que se nos presenten”.

 

Begoña Ibarrola, psicóloga e escritora.

 

Eloy Moreno ilustra como ninguén como “facerse visible” ou “invisible” no medio escolar, familiar ou social; e será nese medio e cos recursos persoais cos que conte, como aprende a persoa a resolver problemas. Por iso, tal como sinala Fernández Bravo, “debemos ter sempre en conta o cerebro do que aprende se queremos que a nosa ensinanza sexa importante e significativa.

PROGRAMA

27 DE FEBREIRO. TEATRO LAURO OLMO. 19:30H.
Conferencia inaugural “Os soños non se len. Fanse realidade” a cargo de Luz Rello, fundadora de Change Dyslexia.

14 DE MARZO. TEATRO LAURO OLMO. 19:30H.
Jesús Guillén, profesor e divulgador internacional, coa conferencia “As funcións executivas do cerebro, claves do éxito”.

28 DE MARZO. TEATRO LAURO OLMO. 19:30H.
Eloy Moreno, escritor, coa conferencia “Para que endexamais desexes ser invisible”.

20 DE ABRIL. TEATRO LAURO OLMO. 19:30H.
David Bueno, profesor e investigador no campo da xenética do desenvolvemento e a neurociencia e a súa relación coa aprendizaxe humana, coa conferencia “O Cerebro adolescente. Descubre como funciona para entendelo e acompañalo”.

9 DE MAIO. TEATRO LAURO OLMO. 19:30H.
Begoña Ibarrola, psicóloga, escritora e divulgadora, coa conferencia “Surfear a vida. Como potenciar a resiliencia, confianza, creatividade e empatía”.

25 DE MAIO. TEATRO LAURO OLMO. 19:30H.
José Antonio Fernández Bravo, experto internacional e referente obrigado na ensinanza das matemáticas, coa conferencia “Ensinar dende o cerebro do que aprende”.

Artigos relacionados

Back to top button