Cambio na dirección das Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG). Na fin de semana do 11 e 12 de novembro esta formación celebraba na Casa da Cultura de Ames o seu XV Congreso Nacional Ordinario. No seu decurso proclamábase como novo secretario xeral a Nabor González, tras as eleccións primarias celebradas durante os meses de outubro e novembro.
O novo líder das XSG toma o relevo do seu antecesor no cargo, o ferrolán Aitor Bouza. Nado en Ourense e estudante de Ciencias Políticas na USC, Nabor González, con 20 anos, vén de converterse no secretario xeral máis novo da organización política.
González márcase coma principal obxectivo a construción dun proxecto alternativo para a mocidade galega que aposte por outro xeito de facer política: “É a única ferramenta para mudar a sociedade, combater as inxustizas e a quebra de dereitos as que nos ten acostumados o PP”. Entre as propostas que pretende impulsar está a de achegar a acción política á Universidade, xa que considera que é un dos ámbitos que máis afecta á xente moza. Ademais aposta “por crear un emprego digno dentro do noso territorio”.
Durante o Congreso aprobáronse as delegacións das XSG ao Comité Federal das JSE e ao Comité Nacional do PSdeG cun 85%, así como a Comisión Executiva Nacional e Mesa do Comité Nacional cun 88% de respaldo. O novo secretario xeral das XSG estivo acompañado durante a xornada do sábado pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González; o presidente da Federación Galega de Municipios (Fegamp) e alcalde do Barco, Alfredo García e, polo voceiro parlamentario do PSdeG-PSOE, Xoaquín Fernández-Leiceaga. Ademais, o domingo o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, acudía a Ames para respaldar a nova executiva que encabezará o ourensán.