
As XXXIX Xornadas de Folclore entraban na noite do 20 de agosto na súa recta final coa actuación das seis agrupacións folclóricas na Praza Maior da cidade de Ourense. Previamente, os 170 compoñentes dos grupos que representan a catro continentes, realizaban o xa tradicional desfile pola rúa do Paseo, partindo do Parque de San Lázaro, ás 22:30 horas.
Os vistosos traxes tradicionais amosaban o seu colorido ao ritmo das súas músicas ao longo do Paseo. As obras ao final da rúa Lamas Carvajal obrigaban a introducir un pequeno cambio no traxecto inicial. O desfile, ao chegar a igrexa de Santa Eufemia, subía cara á Catedral e entrará na Praza Maior pola Rúa das Tendas, onde os grupos eran recibidos polo público asistente.
O Ballet Jammu de Senegal encabezaba o desfile, seguido do grupo de Panamá, Academia Andrés Valiente, Danzas y Proyecciones Folklóricas, do Yuan Yuan Dance Group de Taiwán, dos mexicanos de Ballet Folk Instituto Tecnológico de Celaya e dos serbios de Kud Srem. Os compoñentes do grupo colombiano da Fundación Ballet Folclórico de Nobsa encargábanse de pechar este atractivo percorrido pola cidade como preámbulo das actuacións na Praza Maior de Ourense.
A partir das 23 horas, as seis agrupacións folclóricas amosarán ao público presente as danzas e as músicas tradicionais dos países presentes nesta edición das Xornadas de Folclore, organizadas pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos anfitrións.

A orde de intervención neste penúltimo espectáculo conxunto era Panamá, Senegal, Colombia, Taiwán, México e Serbia. Máis dunha hora de actuacións na que o público tivo a oportunidade de asomarse a esta fiestra das culturas do mundo e admirar o traballo de recuperación e transmisión do folclore, desenvolvido polas seis agrupacións.
Mércores 21 de agosto: Ribadavia
O Auditorio do emblemático Castelo de Ribadavia acolle este mércores o último espectáculo destas Xornadas de Folclore coa actuación, nun pase único, das seis agrupacións folclóricas participantes nesta edición de 2024. Será ás 23 horas.