Sanidade

Ourense afonda nos usos da auga mineromedicinal termal

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle os días 21 e 22 unhas xornadas técnicas para involucrar aos profesionais da saúde na divulgación dos beneficios das augas locais
Dende a esquerda: Pérez Sampayo, Vázquez, Fernández, Jiménez, Núñez e Díaz Abella, esta mañá, no Pazo Provincial.
Dende a esquerda: Pérez Sampayo, Vázquez, Fernández, Jiménez, Núñez e Díaz Abella, esta mañá, no Pazo Provincial. //Foto: Sara Fontenla

A cidade de Ourense é coñecida por moitos motivos e o termalismo supón un dos seus buques insignia. Con todo, as administracións públicas seguen a traballar para dar a coñecer aínda máis os beneficios destas augas saudables que burbullan na capital da provincia. Así, nacen as Xornadas Técnicas sobre os Usos da Auga Mineromedicinal Termal, especialmente orientadas aos profesionais da saúde e do ámbito sociosanitario. Trátase dunha iniciativa formativa que se desenvolverá no Centro Cultural Marcos Valcárcel os días 21 e 22 e que busca involucrar a enfermeiros, fisioterapeutas, farmacéuticos, médicos, nutricionistas ou odontólogos na divulgación das augas termais. Neste proxecto están inmersos o Concello de Ourense, a Deputación Provincial, os colexios oficiais de Médicos, de Farmacéuticos e de Enfermería, así como a Xerencia da Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

O curso foi presentado esta mañá no Pazo Provincial da Deputación. No acto estiveron presentes o vicepresidente da institución, Rosendo Ferández, o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, e representantes dos respectivos colexios oficiais de Farmacéuticos (Eugenia Díaz Abella), de Enfermería (Ascensión Pérez Sampayo) e de Médicos (José Luis Jiménez), así como Eloina Núñez, xerente da Xestión Integrada.

“As nosas augas están infrautilizadas”, recoñecía Pérez Sampayo, que valoraba positivamente a realización destas xornadas para buscar un maior aproveitamento deste recurso natural en prol dos pacientes incidindo na seguridade. Pola súa parte, Díaz Abella subliñaba a importancia de que os farmacéuticos estean tamén incluídos neste equipo que busca afondar no termalismo. “A orixe das farmacias está nas augas termais”, lembraba, cunha fugaz viaxe ás orixes da ciencia farmacéutica. Cre que así se pode “traer aquí moito turismo sanitario”.

Nesta mesma liña se expresaba tamén Jiménez, no nome dos médicos: “é bo que esteamos todos colaborando dun xeito interinstitucional para traballar pola saúde dos nosos cidadáns”, afirmou, e recoñeceu que “a saúde se considera un ben de consumo e é algo distinto”. Criticou que as persoas busquen na medicina un remedio rápido e eficaz aos seus problemas de saúde e avogou por recuperar a través das augas termais o concepto da “slow medicina, cocida a lume lento e con tranquilidade”. Tamén incidiu na importancia de traballar máis na prevención e, sobre todo, na prevención do avellentamento saudable.

Por último, Eloina Núñez lembrou que a provincia conta con 106 centros de saúde, nos que traballan moitos médicos de atención primaria que, baixo a súa opinión, necesitan formación deste tipo “para orientar aos pacientes” e mostrouse convencida da utilidade destas xornadas técnicas para crear “unha carteira de usos e consellos terapéuticos”.

Tamén os representantes do Concello e da Deputación se mostraron optimistas ante esta iniciativa que dá a coñecer as augas beneficiosas, pois entenden que “temos a obriga de conservalas como administración”. Ademais, subliñaron que son tamén un recurso que, ben optimizado, pode repercutir noutros sectores coma o emprego. Así, o alcalde da cidade lembrou iniciativas como o proxecto Ourense Provincia Termal, a posta en marcha do Campus da Auga ou a parte turística que atrae este eido. “É a segunda provincia de Europa en augas mineromedicinais, por detrás de Budapest”, dixo Fernández, e engadiu: “temos que facer dela un recurso por antonomasia”. E é que na cidade flúen ao día máis de tres millóns de litros de auga, segundo datos do rexedor ourensán: “a auga, unha gran oportunidade que non debemos deixar correr”, concluíu Vázquez.

As Xornadas Técnicas contan cun aforo limitado a 100 prazas, que serán asignadas por rigurosa orde de inscrición. Os que desexen participar deberán facelo a través da web www.ticketea.com/entradas-curso-termalismo/.

Texto: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button