OurenseÚltima hora

Ourense converterase no epicentro dos deportes electrónicos, do 21 ao 23 de abril

ICC eSports combinará unha exhibición dos novos talentos estatais da SimRacing con torneos abertos a todos os asistentes e xogo libre en “FIFA 23”, “Mario Kart” ou “Clash Royale”

Participante nos ICC Sports do pasado ano.

 

O pavillón do colexio Mestre Vide de Ourense converterase desde o vindeiro venres 21 de abril ata o domingo 23 de abril no epicentro dos deportes electrónicos dentro da ICC eSports, incluída na Semana das Industrias Culturais e Creativas, organizada pola Deputación de Ourense.

Un ano máis, os deportes electrónicos terán un importante protagonismo na Ourense ICC Week, nunha novena edición que volve apostar polos eSports combinando a competición e exhibición dos novos talentos de toda España cos torneos abertos a todos os asistentes e o xogo libre en diferentes plataformas.

Todas as actividades serán completamente gratuítas, dentro da aposta da organización da ICC eSports por aproximar os deportes electrónicos á sociedade e romper a fenda dixital que, sinalan, aínda sigue existindo pese aos avances dos últimos anos.

Copa de Novos Talentos, torneos de acceso libre e zonas de xogo

Na parte de exhibición da ICC eSports, os mellores novos talentos de España de SimRacing competirán o sábado 22 de abril na Copa de Novos Talentos. Na competición, que se disputará a tres mangas ao longo do día, estará Abel Torres, Diego Fernández, Samuel Moreno, Antonio Santos, Mario Peregrin, Álvaro Gutiérrez, Jaime Caballero e Miquel Pardo.

Por outra banda, o evento contará do venres 21 ao domingo 23 de abril con varias zonas de consolas para que todos os asistentes poidan desfrutar tanto das últimas novidades en videoxogos coma dos xogos máis “vintage”. Neste sentido, esta nova edición da ICC eSports sumará oito Playstation 5 e dúas gafas de realidade virtual VR, ademais de zonas de xogo libre de “FIFA 23”, “Mario Kart” e “Clash Royale”.

Ademais do xogo libre, a organización celebrará torneos competitivos de acceso libre de “FIFA 23”, “Mario Kart” e “Clash Royale”. Ademais, os asistentes poderán desfrutar nunha competición de globos, despois do éxito do pasado ano.

Os horarios da ICC eSports serán: o venres 21 de abril, de 17 a 20:30 horas; o sábado 22 de abril, de 10:30 a 14 horas e de 16 a 21 horas; e o domingo 23 de abril, de 11 a 14 horas. As inscricións aos torneos serán antes do comezo dos mesmos no propio pavillón ata completar o límite de prazas e por estrita orde de chegada.

Artigos relacionados

Back to top button