OurenseÚltima hora

Ourense garda silencio para homenaxear a Miguel Ángel Blanco

O concelleiro do PP, de orixe ourensá, morría hai 20 anos a mans da banda terrorista ETA tras seres secuestrado
Minuto de silencio ás portas do Concello. // Foto: Carlos Asensio.

12 de xullo de 1997, Miguel Ángel Blanco, concelleiro polo PP da localidade éuscara de Ermua, de orixe ourensá, morría a mans da banda terrorista ETA. Neste momento, toda a localidade mobilizárase contra a barbarie desta organización que sementaba o terror en Euskadi. Imaxes de mans brancas erguidas contra o terrorismo, xentes nas rúas manifestándose e asegurando que non tiñan medo a ETA e incluso vivíronse imaxes de Ertxantxas descubrindo as caras demostrando que non temían ao terrorismo. En definitiva, un antes e un despois que uniu a todo un país contra o medo e o terror de ETA.

Por este motivo, Ourense rendeulle hoxe un minuto de silencio a Miguel Ángel Blanco. Varios membros da Corporación Municipal, así como diferentes representantes doutras institucións públicas e privadas, concentráronse ás portas do pazo consistorial para renderlle esta homenaxe ás vítimas do terrorismo.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, asegurou que este acto significa “lembrar, lembrar feitos que non tiveron que ocorrer nunca”. O rexedor municipal empregou o verbo lembrar, asegurou, “non só á morte de Miguel Ángel Blanco, senón a de centos de persoas asasinadas polo grupo terrorista ETA”. Vázquez reiterou que “aquelo foi unha chantaxe emocional, non só a unha familia ourensá, senón tamén a todo un país”. Jesús Vázquez quixo mandar o seu recoñecemento “a todas as vítimas do terrorismo de ETA” para berrar “nunca máis”.

Neste mesmo senso, a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, subscribiuse ás declaracións do seu compañeiro. A máxima representante do goberno galego na provincia, asegurou que dende a Xunta “queremos lembrar, na figura de Miguel Ángel Blanco, a cada unha das vítimas, non só as asasinadas, senón vítimas de secuestro e vítimas dalgunha chantaxe por parte da banda terrorista”. Díaz Mouteira reiterou que actos coma este “teñen que servir para que as novas xeracións lembren e que non volva pasar algo así”.

Tamén o voceiro do Grupo Municipal Socialista, José Ángel Vázquez Barquero, tamén falou sobre o tema. Asegurou que Blanco “serve como referente de todas as vítimas do terrorismo”, e que, por iso, dende o seu grupo uníronse a este acto.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button