Na tarde do xoves 20 de abril tiña lugar no Liceo de Ourense a recepción oficial dos participantes no congreso “Camiños de Santiago, camiños culturais; unha mirada a Europa”, que se celebra ata o domingo 23 de abril organizado pola Asociación Cultural Amigos do Camiño Mozárabe-Vía da Plata Ourense e co apoio da Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia.
Na súa intervención, o presidente da Deputación Manuel Baltar resaltou o nivel da programación deste congreso, que reúne en Ourense a 225 persoas procedentes de 43 asociacións xacobeas de 12 países, e abrangue un programa con 4 mesas redondas, 8 conferencias e 19 ponentes. Baltar incidiu no peso específico da Vía da Plata como eixo de desenvolvemento de territorio, resaltando o “máximo compromiso” do goberno provincial coa potenciación do Camiño de Santiago.
Manuel Baltar estivo acompañado polo presidente da Asociación Cultural Amigos do Camiño Mozárabe-Vía da Plata Ourense, José Luis Rodríguez Cid; o presidente da comisión organizadora do congreso, José Antonio Quintas; e Jorge Martínez, presidente da Federación Española de Asociaciones de Amigos del Camino de Santiago (FEAACS). O acto pechouno a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.
A xornada matinal de hoxe celébrase no Centro Cultural Marcos Valcárcel, onde se desenvolverá o resto deste encontro xacobeo. O acto de apertura contará co presidente da Deputación xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Trala sinatura do acordo “Europa-Compostela”, o programa continuará cunha conferencia inaugural a cargo do escritor Jesús Sánchez Adalid. Antes do almorzo e por videoconferencia, o catedrático de Historia da Arte, Miguel Taín Guzmán, falará sobre a catedral de Santiago, para seguir cunha mesa redonda sobre os novos desafíos na cultura coa participación representantes do estado, da Xunta e da universidade.
A sesión de tarde iniciarase cunha charla do profesor e sacerdote Miguel Ángel González sobre o mosteiro de Oseira no camiño, á que seguirá unha nova mesa redonda que abordará a tradicional acollida no camiño coa participación de hospitaleiros. O escritor Fernando Santos Urbaneja porá fin a esta primeira xornada cunha conferencia sobre as raíces de Europa.
O sábado, día 22, intervirá en primeiro lugar a doutora e catedrática en Dereito Administrativo da Universidade de Santiago, María Teresa Carballeira, para falar do dereito, os itinerarios culturais e o Camiño de Santiago. Os camiños en Europa centrarán a mesa redonda que se celebrará a continuación con representantes de asociacións e do Xacobeo 21-22. Xa pola tarde, o director de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa, exporá o Plan Director dos Camiños de Santiago en Galicia 2022-2027. O historiador e escritor, Francisco Singu, falará despois dos renacementos no camiño compostelán, para continuar cunha mesa redonda sobre as asociacións no mundo con representantes españoles, americanos, de Países Baixos e Alemaña.
O congreso rematará o domingo cunha conferencia do presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, Manuel Castiñeiras, que analizará os símbolos da peregrinación xacobea, e á que seguirá o acto de clausura. Os congresistas asistirán finalmente a unha misa solemne na Catedral, presidida polo bispo de Ourense, Leonardo Lemos, coa actuación da Coral de Ruada.
No programa figuran ademais tres visitas a outros tantos puntos da provincia como a Ribeira Sacra, incluído o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil e unha viaxe no catamarán, e ás vilas de Allariz e Celanova.