
Ademais de facer público o palmarés dos Premios Baco da colleita 2022, a organización destes galardóns, que concede a Unión Española de Catadores (UE), vén de recoñecer, por terceira vez, a Pablo Estévez Meléndez, con orixes en Rubiá na comarca de Valdeorras e no Ribeiro, coa distinción de Mellor Enólogo de Viños Xoves de España. A primeira vez que este técnico recibía este galardón era no ano 2018.
Pablo Estévez conta cunha traxectoria de case 25 anos no sector vitivinícola e ten exercido a súa profesión nas cinco denominacións de orixe galegas e en varias indicacións xeográficas protexidas.
Ademais nesta edición dos Premios Baco a D.O Ribeiro colleitaba 13 medallas (cinco Gran Baco de Ouro, seis Baco de Ouro e dous Baco de Prata), sendo a denominación española co maior número de grandes Ouros, e Valdeorras sumaba un total de 10 medallas.