ConcellosParada de SilÚltima hora

Parada de Sil aproba uns orzamentos “expansivos” por importe de 1.380.000 euros

Concello de Parada de Sil./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

En sesión plenaria vén de resultar aprobado neste 18 de febreiro o orzamento do Concello de Parada de Sil, cun total de 1.380.000 euros fronte ó 1.105 .695,85 do ano pasado, segundo informa o alcalde, Aquilino Domínguez. Ademais o rexedor alude ao “longo traballo de elaboración dos orzamentos, dificultado pola pandemia e tratando de axustar o máximo posible as distintas partidas”.

Un ano máis o alcalde de Parada de Sil resalta que se investirá un “37,82 % en obra nova é dicir, no capítulo VI, podendo asegurar que será un dos concellos que máis diñeiro adican a esta finalidade na que se contemplan partidas importantes para a mellora da eficiencia enerxética e instalación de placas fotovoltaicas, así como rematar a construción de aceras en Sacardebois e Bouzas. Tamén se dota no orzamento de partida para a mellora dos accesos e interior dos pobos de Couto, Coutiño e Santigueiro, Os Fiós e o camiño de Hedrada ó Espiñeiro que se levará a cabo este último có Plan Marco”.

Así mesmo, Aquilino Domínguez apunta que “iso non significa que diminúa o gasto social, que tamén aumenta proporcionalmente, así como a partida destinada a actividades culturais e deportivas xa que ademais de seguir cos concursos este ano agardamos recuperar as actividades de carreira por montaña, andaina, orientación ou BTT que contribúen de maneira importante a dinamizalo concello”.

O rexedor amosa tamén a súa satisfacción, pois este orzamento permite “seguir na senda do gasto necesario, sendo o concello de todos os limítrofes, que, a dicir de Facenda, máis gasta por habitante, máis de 2.000 euros dos que 708 por habitante van destinados a servizos públicos básicos”.

Os orzamentos foron aprobados por os cinco concelleiros do Partido socialista no goberno e co voto en contra dos dous concelleiros do PP na oposición

Neste pleno celebrado pola Corporación de Parada de Sil tamén se aprobou solicitar á Xunta de Galicia a dotación dun centro de información á muller, CIM, na comarca de Caldelas acordo que se tomou por unanimidade”.

Por último o alcalde de Parada de Sil facía unha exposición de obras feitas dende o ultimo pleno, asi como dos decretos aprobados.

Artigos relacionados

Back to top button