EconomíaEconomíaÚltima hora

Parada de Sil continúa apostando por valorizar os seus soutos de castiñeiros

 

Na súa aposta por valorizar o soutos de castiñeiro, en Parada de Sil vense de facer limpezas e melloras en máis de 10 kms de tractor e 12 km manuais de camiños de accesos a soutos para facilitar a veciñanza a recollida de castañas e un mellor mantemento dos soutos. Esta acción chega da man da Asociación de Propietarios de Soutos e, en estreita colaboración coa Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, tal e como se informa dende o Concello de parada de Sil que lembra que xa o pasado ano se conseguira “unha subvención por importe de 80.000 euros que se dedicou a limpeza e poda lixeira”.

Constituída hai dous anos, na Asociación de Propietarios de Soutos o que se fixo é unha adaptación dos estatutos para ser recoñecida como Agrupación Forestal de Xestión Conxunta que arranca con cinco polígonos e con máis de 100 hectáreas. “A veciñanza empeza a ver resultados, xa que se están vacinando os castiñeiros contra o cancro de maneira sistemática e con vacina confeccionada despois de analizar o tipo de cancro, así como esta limpeza levada a cabo por Medio Rural e a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal”, sinala o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, que agradece a colaboración prestada. “Isto permitirá, sen dúbida, un mellor aproveitamento dos soutos e será unha importante contribución ao mantemento da biodiversidade nun concello da Ribeira Sacra que é Reserva da Biosfera”, engade.

 

 

Así mesmo, o rexedor adianta que dende o Concello de Parada de Sil estarán atentos á convocatoria de subvencións de Reserva de Biosfera ou doutras que poidan ser de utilidade “para seguir poñendo en valor os soutos de castañas e, de non poder solicitalas a asociación para a explotación conxunta, fáro o Concello se é posible, como o ano pasado”.

Imaxes cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button