ConcellosÚltima hora

Parada de Sil entrega un libro a cada menor de 15 anos do municipio para celebrar o 23 de abril

O reparto estao estao facendo Protección Civil e en cada bolsa inclúese tamén dúas chocolatinas das que se venden na Casa Museo do Chocolate de Teimende

Voluntarios de Protección Civil de Parada de Sil, indo a cargar as bolsas para facer o reparto entre os nenos e nenas deste municipio./ Foto cedida.

No marco da celebración neste 23 de abril do Día do Libro, o Concello de Parada de Sil está a entregar, a través dos voluntarios de Protección Civil do municipio, un libro a cada neno ou nena menor de 15 anos. Deste xeito preténdese facer máis agradable o confinamento dos rapaces, tal e como sinala o alcalde, Aquilino Domínguez.

Nunha bolsiña do Concello, e cunha nota na que o rexedor lamenta que os cativos non poidan saír a xogar cos amigos, anúncialles que “isto pasará” e anímaos á lectura coa mensaxe de que “canto máis lean, máis saberán e, polo tanto, máis libres serán”.

Ao mesmo tempo, e para facer máis doce a situación, esta entrega inclúe dúas chocolatinas por neno, das que se venden na Casa Museo do Chocolate de Teimende.

Aquilino Domínguez tamén lle aconsella aos nenos que cando saian a pasear o vindeiro luns vanlle dar “algo de san envexa, pero insístelles en que fagan o que lle mandan os seus maiores”.

Finalmente, adiántalles que, “cando isto remate, os convocará a un encontro-festa para celebrar que os nenos de Parada de Sil seguen a desfrutar da vida. Agardamos que os nosos 17 nenos menores de 15 anos que recibiron o libriño, se acorden deste 2020 como o ano do encerro, pero tamén como o ano da lusión por ser libres”.

 

Efectivos de Protección Civil no momento de iniciar o reparto./ Foto cedida.

Artigos relacionados

Back to top button