Un ano máis o Concello de Parada de Sil presenta unha interesante oferta de actividades para o verán que pretenden chamar o interese da veciñanza e visitantes. Comeza o vindeiro sábado día 22, ás sete da tarde, coa actuación de Gloria Novoa e Francisco Liberona, voz e guitarra, no Mosteiro de Santa Cristina, que tamén será escenario en setembro dos dous concertos que se celebran anualmente. Este ano farase ademais neste mesmo lugar unha obra de teatro “Odiosa” con Claudia Alfaya o 13 de xullo.
Tamén en xullo o día 27 no salón de actos do Concello a actriz ourensán Alba Vales representará a obra “ Contos a redor da terra”. No mes de agosto, e aínda que sexan actuacións abertas para todo público, orientanse dúas actividades a nenos e mozos que pretenden reforzar de xeito ameno a educación en valores: a reciclaxe, co taller “Xogando a reciclar” como algo fundamental, e a sociabilidade coa actuación Deixa o móbil e Debuxa”.
Ademais búscase conciliar a actividade laboral coa vida familiar da veciñanza, tal e como sinala o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, polo que dende o 3 de xullo ao de 10 de setembro terá lugar un campamento para nenas e nenos ata 16 anos có lema “Nenos que pensan o rural”, nos que haberá talleres medioambientais e actividades para dinamizar o rural e fomentar o pensamento crítico algo que dende o Concello se considera “esencial nestes tempos”.
Así mesmo pretende reforzarse a identidade dos asistentes co rural e reforzar o orgullo de pertenza ao mesmo. Esta actividade faise en colaboración con varias institucións, especialmente coa ONG Arca de Noé, a quén o alcalde agradece o seu esforzo por levala a cabo dun xeito novidoso. As persoas interesadas poden recabar información sobre as actividades chamando ó concello de Parada de Sil ou visitando a súa páxina web.

