CulturaCulturaÚltima hora

Parada de Sil homenaxea ao empresario do audiovisual Luis Baños nos actos da Festa das Letras Galegas

Terán lugar a partir das 11:30h. de mañá sábado 13 de maio no salón de actos do Concello

Luis Baños./ Cedida.

 

O Concello de Parada de Sil adica este ano a homenaxe anual da Festa das Letras ao empresario do audiovisual Luis Baños Campo, polo seu traballo “en favor da promoción deste concello e pola súa aportación á difusión das actividades municipais e dos seus recursos naturais en numerosos traballos e documentais da sua autoría, cos que ten contribuido a dar a coñecer a realidade de Parada, as súas xentes e os seus recursos naturais e monumentais”, sinala o alcalde deste municipio, Aquilino Domínguez.

O rexedor subliña que, “ademais da aportación profesional, Luis Baños, aportou en favor do labor encomendada polo concello para espallar a realidade de Parada unha sensibilidade e unha xenerosidade da que nos sentimos debedores, que o fan acredor do recoñecemento que este ano lle adicamos dentro da festa que homenaxea a Francisco Fernández del Riego”.

Remata Domínguez dicindo que “o intenso traballo levado a cabo polo concello nos últimos lustros para situar a Parada como referente indiscutible da Ribeira Sacra, non se entendería sen as achegas de Luis Baños”.

O acto, que se celebra cada ano o sábado anterior ao día oficial das Letras Galegas, terá lugar no salón de plenos do Concello e dará comezo ás once e media da mañá. No mesmo está anunciada a presencia do director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Como é tradicional, o programa incluirá a entrega de premios ós gañadores da undécima edición do concurso de microrrelatos que organiza o concello de Parada de Sil e a actuación da agrupación coral Auria Canta.

Artigos relacionados

Back to top button