
“Todos os esforzos son poucos para que a Ribeira Sacra e, neste caso Parada de Sil, sexan un destino seguro para os visitantes que agardamos sexan moitos nos próximos días”, asegura o alcalde deste municipio, Aquilino Domínguez, que continúa a traballar nesta liña.
Así, dende este xoves o Concello colocou en todos os puntos de información de Parada de Sil, o mesmo que restaurantes, casas de turismo rural, apartamentos turísticos e demais establecementos públcos; un cartel cos códigos QR do mapa do municipio no que figuran elementos de interese como a necrópole altomedieval de San Vítor de Barxacova, Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, Museo de Chocolate, Rutas de sendeirismo e BTT, “para que aquelas persoas que non desexen usar o papel poidan descargar toda a información e mesmo os trakcs das rutas” por este sistema.
Aquilino Domínguez convida, “de novo, á xente a visitar este concello no corazón da Ribeira Sacra”.




