
Tendo en conta o “constante aumento do traballo” no Concello de Parada de Sil, o seu alcalde, Aquilino Domínguez, leva tempo platexándose a “necesidade de reformar a primeira planta, que na actualidade é totalmente diáfana, para dotar de maís servizos e máis comodidade ás persoas que acudan” á Casa Consistorial, segundo explica o propio rexedor.
Neste senso, matiza que “unha das necesidades importantes era dotar á alcaldía dun despacho no que puidese entrar unha mesa para reunións de traballo cos grupos que así o demandan, asociacións, empresarios, veciños, dado que actualmente só cabían dúas persoas máis o alcalde”, asegura Aquilino Domínguez.
Así mesmo, os técnicos municipais de Urbanismo e o responsable de catastro compartían espazos abertos e, despois da reforma, disporán dun despacho.
A obra terá un custo de 49.950 euros con equipamento incluído e para levala a cabo disporase dunha subvención da Consellería de Presidencia do 70%. Deberá estar rematada no prazo dun mes, o que para o alcalde de Parada de Sl, é “unha satisfacción”.
Ademais, dentro desta remodelación das instalacións municipais, o orientadora laboral pasa a ocupar o actual despacho do alcalde. Tamén se habilitará un despacho para a primeira tenencia de alcaldía a efectos facilitarlle o traballo e a atención á veciñanza.