Aquilino Domínguez, o alcalde de Parada de Sil, vén de amosar a súa satisfacción polo feito de que o concello antes de rematar o ano “terá todas as luminarias públicas convertidas en luminarias LED o que supón unha redución de consumo do 78% aproximadamente, segundo o estudo presentado”.
Un dos obxectivos deste Concello, tal e como asegura, é seguir reducindo a pegada de carbono. No ano 2012 a empresa Solidfores xa realizou un estudo para Parada de Sil no que, entre outras cousas, se animaba a levar a cabo este cambio de luminarias. Pero o importe total da obra, da que xa está executada unha parte é de 346.810,85 euros.
O Concello trazou un horizonte de obra en tres fases solicitando axudas ó IDAE que dentro do programa europeo de redución de carbono concede unhas subvencións do 80%. Segundo apunta o alcalde, acaban de chegar as dúas últimas subvencións, unha de 84.747 euros e outra de 102.988,12 euros, “o que permitirá en dous ou tres meses ter rematado esta importante obra que aparte do cambio das luminarias supón a instalación de cadros eléctricos novos nos que se instala un driver electrónico programable que permite adaptar o fluxo lumínico en función do horario”.
Con estas dúas novas axudas do IDAE e as novas luminarias a potencia pasará de 14 KW a 5,5 mellorando o alumeado e rematándose as novas instalación co actuación en 312 puntos de luz no total de 628 puntos de luz pública do concello e nos 45 núcleos habitados do municipio, tal e como se indica dende o Concello de Parada de Sil.