En plena Ribeira Sacra ourensá e declarado BIC en 2008, o conxunto monumental e espiritual do Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil está encravado nunha “espectacular paraxe a carón do río Sil e rodeado de castiñeiros” e na mañá deste domingo 14 de xullo rendía un ano máis culto a San Bieito, patrón de Europa, coa tradicional romaría.

Unha conmemoración entre relixiosa e lúdica que comezaba ás 12 horas coa procesión na que San Bieito era levado polos veciños, rodeando o mosteiro ao ritmo da charanga Big Band. Despois tiña lugar a eucaristía, no interior da igrexa que, un ano máis, era cantada pola coral polifónica Aqua Música de Ourense.

Tralos cultos e xa fóra do templo, os asistentes desfrutaban dunha sesión vermú, amenizada pola charanga Big Band, que actuaba tamén pola tarde. Tras a sesión vermú, esta festa, que organiza o Concello de Parada de Sil, continuaba en Castro, no Camping Canón do Sil, con música e un xantar, cun menú a base de empanada galega, mexilóns á vinagreta, xamón asado con patacas, milfollas de crema; niño branco e tinto, cerveza de barril, augas e refrescos, gasosa, café e infusións.
Con motivo da Romaría de San Bieito, na xornada deste domingo o Bus-Lanzadeira era gratuíto para os residentes de Parada de Sil. Saída cada media hora (10:30, 11 e 11.30h.) con posterior retorno a Parada ata as 14 horas.
Fotos: O SIL.