OurenseÚltima hora

“Prado”, de Víctor Mejuto, abre a tempada do “Marcos Valcárcel”

A exposición, que se inaugurou hoxe, estará aberta ao público ata o 15 de outubro
Mónica Maneiro, Vítor Mejuto, Rosendo Fernández e Francisco González.

A mostra “Prado” do pintor Vítor Mejuto inaugura a tempada expositiva do Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, “cunha mostra con cadros inspirados nos clásicos traducidos ao abstracto”, sinalou o vicepresidente da Deputación de Ourense, na presentación de hoxe, 1 de setembro, desta mostra.

A exposición, que se inaugurou hoxe ás 20:15 horas, estará aberta ao público ata o día 15 de outubro. Nela, Vítor Mejuto propón un percorrido inspirado polas grandes obras mestras, reinterpretando en clave de abstracción algúns dos traballos máis significativos do Museo do Prado para despois achegarse tamén a obras que acollen o Museo de Belas Artes da Coruña ou o Palazzo Civico de Sansepolcro en Italia, entre outros.

O vicepresidente da Deputación de Ourense sinalou que esta mostra, composta por 17 obras, “foi pensada para esta sala en concreto do Centro Cultural”.

Na mostra están reintepretadas obras como “A Anunciación” de Piero della Francesca, “O martirio de san Felipe” de José de Ribera, “A rendición de Breda” de Diego Velázquez, “A resurrección de Cristo” de El Greco, entre outros afamados traballos.

A comisaria da mostra, Mónica Maneiro, dixo que se trata “da primeira exposición de Vítor Mejuto en Ourense, cunha mostra moi importante porque significa un xiro no traballo do artista, no conxunto da súa carreira”. Pola súa parte, Vítor Mejuto explicou que a obra é “o resultado das miñas visitas ao Prado e do respecto pola tradición pictórica”, e engadiu “resulta de confrontar a miña pintura, abstracta e xeométrica, coa pintura dos mestres clásicos, que require dun esforzo de tradución e de intentar traer todo iso que me interpela ao meu terreo”.

Francisco González destacou a diversidade e pluralidade do Centro Cultural “Marcos Valcárcel” que inaugura esta tempada expositiva coa mostra de Vítor Mejuto, “complétase cunha exposición sobre Carlos Velo e, pecharemos o ano cunha gran mostra sobre a época do Reino dos Suevos, un ambicioso proxecto no que está a traballar a Deputación de Ourense con pezas e obras de museos procedentes de toda Europa”.

Vítor Mejuto comezou os seus estudos de pintura na Facultade de Belas Artes da Universidade de Salamanca. En 2010 forma parte do proxecto Popular Mechanichs cos pintores norteamericanos Connie Goldman e Jason Hoelscher en ParisCONCRET, (París, Francia) un espazo especializado en pintura non obxectiva, minimalista ou neoconcreta. En 2011 e 2012 presenta a súa exposición individual Brión Boogie Woogie na Casa da Parra, Santiago de Compostela e ao ano seguinte The Lost Syllabary na galería Schema Projects de Nova York.

Artigos relacionados

Back to top button