CulturaCulturaÚltima hora

Lola Doporto rende a súa particular homenaxe plástica ao Mestre Mateo en Pontevedra

A exposición "Morriña de estrelas" da pintora barquense poderá verse ata o 3 de decembrono Palecete das Mendoza da cidade do Lérez

 

Nada máis coñecer as súas obras, a pintora Lola Doporto (Millarouso, O Barco) quedaba fascinada pola arte do Mestre Mateo. Ese primeiro encontro con elas tiña lugar no Pórtico do Paraíso, na Catedral de Ourense. E, dende entón, a creadora tiña claro que debía levar ao lenzo ese sentimento. Unha particular homenaxe que agora se converte en exposición baixo o título de “Morriña de estrelas”, inspirada no Pórtico da Gloria.

A mostra abríase ao público o 17 de novembro na sala do Palacete das Mendoza en Pontevedra, nun acto inaugural na que Doporto estaba acompañada pola escritora barquense María Carmen Gago Florenti, polo editor Bieito Ledo e polo alcalde do Barco, Alfredo García.

Gago Florenti, que preside a Asociación Artístico Cultural de Pontevedra, abría as intervencións amosando a súa dobre satisfacción desta mostra, “pola calidade da sua pintura” e tamén por proceder das terras de Valdeorras, “as que tanto quero”. Ademais cualificaba o estilo de Doporto dun “expresionismo que aturde e ata inquieta”, resaltando de xeito especial dos seus lenzos “os grandes ollos dos seus personaxes, que parecen mirar de forma enigmática, inquisitiva ou mesmo melancólica. As suas marionetas parecen ter vida propia”. E concluía facendo fincapé no intenso cromatismo da súa pintura. “Adrentarnos no mundo de Lola Doporte é descubrir un mundo máxico ao que non estamos acostumados”.

https://youtube.com/shorts/xaHBMq_dcM8?feature=share

“Morriña de estrelas”, que poderá visitarse ata o vindeiro 3 de decembro, reúne uns quice óleos de gran formato, entre os que figuran “Vía Láctea. Camiño de Santiago” (120x100cm), “Paio e Teodomiro” (116×81 cm), “O afiador”, unha chiscadela ás terras ourensás, e por suposto o retrato do Mestre Mateo. Tamén aparecen algúns dos evanxelistas e parte dos músicos do Pórtico da Gloria, e, como vén sendo habitual tamén nas súas mostras, un gaiteiro, para render tributo á música tradicional, desta volta é o Gaiteiro de Penalta.

 

 

“Música, cor e luz que Lola Doporto decide trasladar aos seus lenzos co seu estilo característico, obsquiándonos cun Santiago Apóstolo calvo que nos observa e que nos atrae ou con cunhas pandereitas acompañadas dos seus paxaros icónicos; conxunto que sitúa no Campus Stellae baixo o camiño estrelado”, resalta J.A. Porto no catálogo da mostra, no que tamén escribe Tareixa Taboada.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button