Larouco celebrará, gardando as medidas de seguridade sanitarias, as súas festas na honra da Virxe dos Remedios. O programa de actos comezará xa nesta fin de semana e prolongarase ata o 8 de setembro, día grande das festas.
A vila acollerá media ducia de propostas culturais que irán da música ata o teatro. A primeira das actuacións virá da man de Brassica Rapa, un grupo feminino que se caracteriza por facer unha reinvención da música de charanga. Darán un pasarrúas o 5 de setembro ás 19:30h.
Ao día seguinte será a quenda de Os Bregadiers, cun novo pasarrúas á mesma hora. O 7 de setembro serán Os Bertolini de Manzaneda, “distribuidores oficiais de festa e felicidade”, os que encherán de ritmo as rúas de Larouco dende as 19:30h.
A esa mesma hora na praza do Concello a Compañía Catropés porá en escena “Animacreques”. E xa o 8 de setembro, día grande das festas patronais de Santa María dos Remedios, a Charanga Nova Terras de Trives dará un pasarrúas pola mañá. Finalmente, ás 19:30h. soará na vila a música de Cé Orquestra Pantasma, xa como broche festivo, na praza do Mercado. Estes actos poderían sufrir cambios.
Estes actos serán organizados dende o Concello de Larouco a través do programa Xacobeo 2021.