OurenseÚltima hora

Patrimonio inviste preto de 10.000 euros en restaurar o retablo de San Pedro de Cudeiro, en Ourense

Esta peza data do século XVII e presentara reboludos con pan de ouro ataques puntuais de insectos, repintes e algunhas fendas, entre outras cousas
Marisol Díaz, Maria Carmen Martínez e Jesús Vázquez comprobaron a restauración da peza.

A directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez e a delegada territorial da Xunta en Ourense; Marisol Díaz, visitaron hoxe, 3 de outubro, a igrexa de San Pedro de Cudeiro, onde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de investir preto de 10.000 euros na restauración do retablo. Os traballos acometidos solucionaron os problemas da peza, que presentaba redourados con pan de ouro falso, ataques puntuais de insectos, repintes e algunhas fendas e perdas de volume, entre outras patoloxías.

Os traballos realizados consistiron na limpeza do retablo e a súa desinsectación. Así mesmo, acometéronse tarefas de consolidación, cobertura de fendas, revisión de ancoraxes e reconstrución puntual de volumes. Ademais fixouse a película pictórica e fíxose unha reintegración cromática con acuarelas e po de micas.

De estilo barroco (s. XVII), o retablo está composto por predela, dous corpos e ático. Na parte central pódese contemplar a imaxe da Inmaculada Concepción, á súa dereita a de Santa Bárbara e á súa esquerda a de San Lucas Evanxelista. Pola súa parte, no ático represéntase a Fuxida de Exipto nun relevo.

Artigos relacionados

Back to top button