En portadaÚltima hora

Pedro Sánchez visita Alixo (O Barco), unha das zonas afectadas polo lume en Valdeorras

Tamén se achegaba, xunto a ministra para a Transición Ecolóxica, o presidente da Xunta e o alcalde barquense, ata o posto de mando avanzado en Viloira

 

Ata Valdeorras desprazábase esta tarde o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, para ver sobre o terreo a situación que está vivindo esta zona por mor do incendio forestal que se iniciaba o pasado xoves en Riodolas (Carballeda de Valdeorras) e logo se estendía o domingo por O Barco e xa, onte luns, polo concello de Rubiá.

O presidente estaba acompañado pola vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, así como polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda; polo conselleiro do Medio Rural, José González; e polo alcalde do Barco, Alfredo García, entre outras autoridades. Achegábase ao posto de mando avanzado dende o que se coordina a actuación no incendio, na Casa Grande de Viloira (O Barco), e despois desprazábase ata Alixo (O Barco), unha das aldeas nas que entrou o lume e na que arderon unhas 15 casas.

 

 

O rexedor barquense abría o turno de intervencións agradecendo a presenza das autoridades “nestes momentos tan duros para a poboación, sobre todo para os que están aquí con nós e que tiveron que sufrir estes días vendo como tiveron que desaloxar o seu pobo e que cando voltaron atopáronse en chamas. Só os que pasamos isto, e eu desgrazadamente xa o vivín en máis dunha ocasión, sabemos o duros que son os incendios é o momento e a tempada do ano máis dura para un alcalde e para un responsable político, ver como se queima o país. Temos que evitalo a toda costa, temos que poñer en valor o territorio, hai que cambiar a mentalidade dos propietarios, os terreos non poden estar improdutivos, sen máis. Teñen que producir porque xeran postos de traballo e danlle tranquilidade aos veciños do pobo porque, aínda que arda o monte, as súas casas estarán a salvo, polo tanto, quédanos, presidentes, un traballo moi longo ata que consigamos cambiar a mentalidade”.

 

 

Rueda: “Empezaremos a aprobar as primeiras axudas para os afectados este xoves”

A continuación tomaba a palabra o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, dicía que “quédannos aínda por diante moitos días complicados de incendios e estamos vendo a peor consecuencia que é cando se poñen en perigo núcleos de poboación e vidas humanas, afortundamente non temos en Galicia que lamentar ningunha vítima mortal, e imos traballar para que siga sendo así, pero temos vivido momentos moi complicados e así llo explicamos ao presidente. A prioridade de todo o operativo de extinción foi preservar o máis importante que son as vidas humanas, logo os bens do veciños e intentar apagar os incendios canto antes”.

Rueda tamén apuntaba que mentres que en Folgoso do Courel e na Pobra do Brollón mellora a situación, en Valdeorras “estamos vendo como ao longo da tarde a situación volve a complicarse e iso vólvenos indicar que en ningún momento se pode baixar a garda”. Así mesmo, o titular do goberno galego agradecíalle a Pedro Sánchez a colaboración que “tivemos da Unidade Militar de Emerxencias, sempre fundamental, por suposto das Forzas e Corpos de seguridade do Estado, Garda Civil, Policía Nacional, Policía Autonómica, todo o operativo de Protección Civil, que ademais agora mesmo está resultando fundamental para eses núcleos, esas aldeas que houbo que desaloxar e ás que non se pode volver aínda, garantir esa circulación, que ao final é garantir a seguridade das persoas que aquí viven e, a parte, do operativo de incendios da Xunta de Galicia”.

Alfonso Rueda tamén sinalaba, aludindo ás palabras do alcalde do Barco, que “temos moitas cousas que mellorar de aquí en adiante, moitas asignaturas pendentes, a primeira e fundamental, e esta é a mellor, mostra, ter claro que hai que facer limpeza e nos momentos oportunos. Tamén temos en marcha outros cambios máis estruturais a través da recuperación de terras agrarias, queremos que de verdade sirva para cambiar moitas cousas, non só respecto aos incendios, senón do uso da terra en Galicia que ten moitas posibilidades”.

Finalmente o presidente da Xunta anunciaba que, “en canto pase o fundamental, que é conseguir apagar os incendios preservando a seguridade de todo o mundo, tocará avaliar os danos e axudar dende todas as administracións e eu, dende logo, comprometo aquí a axuda da Xunta de Galicia e inmediata ademais. Empezaremos a aprobar as primeiras axudas no Consello da Xunta deste xoves e estou seguro de que o goberno do Estado tamén estará á altura para axudar á xente que perdeu a súa vivenda e debemos estar para axudalos”.

 

 

Sánchez: “Estamos volcado no que agora mesmo é o máis urxente, a extinción dos incendios”

Finalmente interviña o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, incidindo en que “quedan días difíciles en Galicia e no resto de España porque as previsións meteorolóxicas apuntan que vai haber un repunte nas temperaturas en toda a península e ante esta máxima temperatura que sufrimos en xullo pediría á cidadanía a máxima das precaucións”. En segundo lugar, Pedro Sánchez trasladaba unha mensaxe de solidariedade. “En Galicia son máis de 800 as persoas que foron desaloxadas e, polo tanto, afectadas, como consecuencia dos distintos incendios, e quero trasladarlles que dende todas as administracións, tamén dende a administración xeral do Estado, estamos facendo todo o que está na nosa man para que poidan voltar canto antes ás súas casas e recuperar a súa vida cotiá”.

Afirmaba así mesmo Sánchez que o “Goberno de España está agora mesmo volcado no que agora mesmo é o máis urxente, que é o labor de extinción destes incendios que están asolando ao noso país”.

Ademais, o presidente do Goberno facíase eco das palabras tanto do alcalde do Barco como do presidente da Xunta de agradecemento “aos nosos servidores públicos: aos bombeiros, brigadistas forestais, a UME, ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e tamén aos servizos locais e autonómicas, ademais das ONGs implicadas. Porque creo que é moi importante subliñar o extraordinario labor que están facendo, incluso xogándose a vida, como por desgraza lle ocorría a un brigadista nun incendio de Zamora”.

Sánchez sinalaba que nestes momentos hai despregados en Galicia uns “200 efectivos da UME, máis de 100 medios da forzas armadas tamén, para poder fronte aos distintos incendios e eu quixera subliñar o importante da colaboración institucional porque esa cooperación é o que nos fai máis fortes fronte a un inimigo común tan devastador como son os incendios”. O presidente do Goberno referíase ademais á “emerxencia climática que está vivindo o planeta e, en consecuencia tamén o noso país, é un feito, é letal dende o punto de vista de vidas humanas, en termos de biodiversidade, tamén en termos medioambientais e socioeconómicos. Hai moita economía que se perde como consecuencia destes incendios, por desgraza cada vez máis devastadores, e polo tanto temos que facer das políticas ambientais políticas de Estado, que trascendan as lexislaturas, as administracións e os distintos niveis de responsabilidade política que poidamos ter”. Por outra banda, comentaba que o Goberno de España vai plantear un marco estatal para regular ao persoal de prevención e de loita contraincendios.

“O desafío que temos por diante é enorme”, proseguía Pedro Sánchez, “e esixe prevención, recursos nesa prevención, nos labores de extinción e tamén de reposición de toda a biodiversidade e de todo o medioambiente esquilmado e polo tanto significa compromiso e visión de Estado en políticas que van a implicar non só o respecto e a conservación do noso medioambiente, senón tamén de seguridade aos veciños afectados polos incendios. Imos estar á altura da resposta que temos que dar a este desafío climático”.

 

Artigos relacionados

Back to top button