CulturaCulturaÚltima hora

Penedo dos Lobos (Manzaneda) puido ser construído na época das Guerras Cántabro-Astures

Nas escavacións arqueolóxicas realizadas polo colectivo romanarmy atopábanse dúas moedas que permiten datar o asentamento o 25 e o 22 (século I) antes de Cristo

 

Unha das moedas localizadas nas escavacións en Penedo dos Lobos (Manzaneda)./ Foto: romanarmy.eu.

Os achados da campaña arqueolóxica realizada polos investigadores do colectivo romanarmy.eu a finais de agosto permitiron datar no asentamento de Penedo dos Lobos (Manzaneda) a presenza militar romana máis antiga documentada en Galicia.

Localizouse material militar romano, entre o que se atopan as características chatolas das sandalias romanas (caligae) e moedas acuñadas por Publio Carisio (quen fora legado do primeiro emperador Octavio Augusto durante as Guerras Cántabro-Astures) entre o 25 e o 22 a.C. para pagar aos lexionarios que participaban nas campañas bélicas.

Estes descubrimentos sitúan, segundo os investigadores, “a construción do campamento romano de Penedo dos Lobos nun horizonte cronolóxico anterior ao cambio de era e posiblemente coetáneo ás Guerras Cántabro-Astures, coas que o Imperio romano rematou a conquista de Hispania. Trátase da presenza militar romana máis antiga documentada ata o momento no territorio da actual Galicia, e é un achado de gran relevancia histórica para coñecer os inicios da romanización neste territorio”.

 

Vista aérea do campamento militar romano temporal de Penedo dos Lobos (Manzaneda)./ Foto: romanarmy.eu

Ademais matizan que “ata o momento, numerosos especialistas consideraban que a zona de Galicia estivera á marxe do conflito. Aínda que non é posible polo momento determinar cal era a misión do continxente militar de Penedo dos Lobos, os achados redefinen o coñecido sobre esta época e axudan a contextualizar unha presenza militar romana neste territorio que, á luz do descuberto polo colectivo romanarmy.eu e outros equipos de investigación nos últimos anos, é máis ampla e diversa do coñecido ata o momento”.

Penedo dos Lobos foi ocupado durante un período curto de tempo, aínda que á luz da análise das evidencias, os especialistas consideran que podería non corresponderse tanto a un campamento de marcha –construído para descansar durante unha ou dúas xornadas- como a un campamento estacional, que servise durante un período máis prolongado de tempo (semanas ou incluso un mes) a un continxente militar romano cunha misión específica que aínda se descoñece.

Esta campaña arqueolóxica, foi dirixida polo investigador do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC João Fonte e estivo promovida polo Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, o Concello de Manzaneda, e máis o Grupo de Investigación Síncrisis do Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela.

Máis información e fotos:
https://osil.info/o-campamento-de-penedo-dos-lobos-manzaneda-permite-documentar-a-presenza-militar-romana-mais-antiga-de-galicia/

Artigos relacionados

Back to top button