ConcellosLaroucoÚltima hora

Percorrido pola Ruta Romana do Viño de Larouco dentro das “Rutas Culturais” da Universidade de Vigo

Unhas 80 persoas, procedentes dos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense realizaban este itinerario de interese natural e patrimonial

 

Ata terras de Larouco chegaban nesta fin de semana as Rutas Culturais, incluídas dentro da programación, organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo. En concreto, neste municipio valdeorrés seguíase a “Ruta Romana do Viño”.

Neste percorrido participaban o sábado máis de 80 participantes chegados desde os tres Campus (Vigo, Pontevedra e Ourense). Realizaban un traxecto circular de 18 quilómetros e dificultade media, que se iniciaba na vila de Larouco e con regreso á mesma localidade.

Como vén sendo habitual nestas andainas, “en cada percorrido ademais de coidar a realización do traxecto dedicouse especial atención a coñecer o patrimonio polo que se transita, contando co apoio de especialistas en arqueoloxía e medio ambiente, neste caso asistiron a unha visita guiada ao castro de O Castrillón, así como algún dos lagares rupestres que existen na zona”, tal e como informan dende a organización.

 

 

Seguidamente tras contemplar o Pazo de Freixido de Arriba, os andaríns dirixíronse cara a Seadur, para degustar unha excelente cata de viños e licores nas antigas covas, grazas á gran colaboración do Concello de Larouco, dos adegueiros e produtores da zona como as Covas de Javier Mateo, A Bodeguilla e moitos outros, que contemplaron o goce dos participantes.

O roteiro completouse coas excelentes vistas desde A Pena Falcoeira, un miradoiro natural ao río Sil e posterior regreso por camiños con castiñeiros centenarios que fixeron as delicias dos asistentes.

Xa na parte final da actividade, e como vén sendo habitual neste programa de Rutas Culturais da Universidade de Vigo, realizouse un sorteo de agasallos con produtos da zona (viño, bicas, aceite, etc..) entre os presentes na Casa de Papel e Bar Irene.

Fotos: Xeitura.

 

Artigos relacionados

Back to top button