Concellos

Perdas no viñedo de Seadur (Larouco) por causa do lume

Unha das viñas máis afectadas é a de Isidro Mateo, que perdeu 700 cepas de godello
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella

O monte que rodea Seadur (Larouco) viste de riguroso loito. Nos seus bordes os tonos ocres fan de linde ao verde das viñas que sobreviviron a onda de calor do lume que na tarde-noite do 11 de agosto, procedente da veciña zona de Quiroga, chegou a ameazar ás casas do pobo. Ademais de árbores, levouse por diante viñas. Unha das máis afectadas foi a de Isidro Mateo, que agora se afana en quitarlle os acios as cepas máis danadas coa esperanza de que a planta reviva e non seque. “As filas de viñedo danadas foron ás dez primeiras. Nas sete primeiras, as follas e a uva están queimadas de todo polo golpe do calor, esas sete perdéronse fixo e supoñen unhas 700 cepas, todas de godello. Se as plantas secan, non as volverei a plantar”, laméntase este viticultor valdeorrés. Sobre as tres seguintes ringleiras de cepas planea a sombra da dúbida, “pero eu teño a esperanza de que se recuperen”, asegura.

Non era a primeira vez que esta zona de Seadur era presa do lume. Mateo, que supera a cincuentena, xa lembra alomenos outros tres ou catro incendios neste mesmo lugar e coa mesma traxectoria do lume. Co fin de previr esta situación, tiña desbrozada unha franxa de protección cun perímetro de 30 metros, sen embargo non foi suficiente para facer fronte á forza do lume. Ademais da súa viña, noutra próxima resultaron danadas outras 500 cepas. “Non houbo máis viñas afectadas porque todo o lume veu por aquí e a zona de viñedo está para para aquel lado de alá”, explica.

O lume sorprendía a Isidro Mateo a máis de 200 quilómetros de Seadur, tras coñecer a noticia púxose en camiño pero xa non chegou a tempo de evitar que o incendio rozase a súa viña. Aínda así esa mesma noite, nada máis chegar, e durante os días seguintes, traballou arreo para evitar danos maiores. Pero a colleita xa estaba afectada. “Aquí fixeranos algo de dano a xeada no inverno, pero líbramos da pedra de xullo e aínda había colleita, pero do que non libramos foi do lume”, comenta.
O viñedo non foi a única produción de Isidro Mateo que se viu tocada polo lume, tamén perdeu unha
hectárea de oliveiras.

As perdas están aí, pero o que non está tan claro é se poderá acceder algún tipo de indemnización para compensalas e, nese senso, está facendo xestións.
Mateo tamén lamenta o efecto que as lapas tivo no monte. “Antes na viña oías cantar os páxaros, ata a coruxa se escoitaba. Agora non sentes vida, non sentes nada”.

Texto: A.R. Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button