Esta tarde perdía a vida un operario no lugar de San Cristovo, en Ribadavia, ao caer dunha carretilla que manexaba tras sufrir unha posible indisposición, tal e como informa o 112 Galicia.
O suceso tiña lugar uns minutos antes das seis e media. “Foi, a esa hora, cando un compañeiro do varón contactou co 112 Galicia para dar conta da súa situación. Acto seguido, os xestores do CIAE 112 Galicia solicitaron a intervención do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou un helicóptero medicalizado para atender ao traballador, aínda que, a pesar dos esforzos, os efectivos sanitarios desprazados nada puideron facer por salvarlle a vida”, segundo asegura o 112 Galicia.
Dende o CIAE 112 Galicia tamén se puxo a situación en coñecemento da Policía Local, da Garda Civil e dos bombeiros do GES de Ribadavia.