En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Pérez Canal, reelixido presidente da CEO por 185 votos a favor

 

No seu discurso incidíu en traballar para que a A-76 (Ponferrada-Ourense) e a A-56 (Ourense-Lugo) sexan unha realidade, así como as circunvalacións do Barco e de Ourense

José Manuel Pérez Canal foi elixido novo presidente da CEO para os próximos catro anos no transcurso da asemblea xeral extraordinaria convocada para tal efecto. A súa candidatura obtivo o respaldo de 185 votos a favor, practicamente todos os votos emitidos, xa que solo se rexistraron tres en branco.

Tendo en conta isto, a directiva da CEO quedaría do seguinte xeito: Alejandro Cruz Iglesias, José Manuel Díaz Barreiros, Marisol Nóvoa González e Manuel Maneiro López como vicepresidentes; tesoureiro, Juan Manuel Piñeiro Rivas; contadora, Rosa María Sánchez Gándara; vogais, Eligio Nieto Lamas, Beatriz Gómez Valcárcel, Eduardo Cid Fernández, María del Carmen Rodríguez Gonzlález, Antonio Dieter Moure, Manuel Carballeda Ramos, Severino González Álvarez, Vicente Vázquez Agromayor, Benito Iglesias Padrón e Manuel González García.

Na súa intervención tras seres proclamado presidente, Pérez Canal amosou o seu agradecemento aos presentes e o seu respaldo, ao traballo do persoal da CEO, ao apoio institucional, así como ao esforzo da súa familia “que asume o pouco temo que podo dedicarlles”, dixo. Pérez Canal lembrou que hai catro anos, no seu primeiro mandato, “a situación económica era bastante crítica coa crise, pero agora as cousas están un pouquiño mellor, e temos a mesma ilusión que entón”, declarou. O reelixido presidente fixo un alegato en favor da unidade do colectivo empresarial. Anunciou traballo e esforzo para os próximos catro anos nos que “poremos sobre a mesa iniciativas importantes” que permitirán incrementar capacidade de resposta da CEO ás necesidades das asociacións, así como novos proxectos incluídos no programa co que concorreron ás eleccións.

Peréz Canal aproveitou este renovado mandato para animar aos empresarios ourensáns a presentar propostas e iniciativas, coa seguridade de que “serán acollidas con interese, estudadas e valoradas” para ver a posibilidade de sacalas adiante “en beneficio de todo o colectivo empresarial e da sociedade ourensá en xeral”.

Infraestruturas

Un dos retos que se marcou José Manuel Pérez Canal para esta nova lexislatura é “seguir reclamando con insistencia a creación de infraestruturas varias, necesarias para o futuro da provincia”. Entre eses proxectos mencionou o AVE, “no que xa non gastaremos máis folgos, porque xa está case todo conseguido”, dixo. Pero remarcou dúas obras moi importantes: “a autovía A-76, de Ponferrada a Ourense e que comunica Valdeorras coa capital; e a A-56, de Ourense a Lugo, así como aquelas de menor rango, pero non por iso menos importantes, as circunvalacións do Barco e de Ourense”. Neste senso, Pérez Canal apuntou que “non podemos renunciar a comunicacións do século XXI con Ponferrada ou Lugo, que son dúas grandes cidades”, dixo, “xa que as oportunidades de negocio pérdense cando tardamos máis de catro horas en comunicarnos con eses puntos”.

Finalmente, agradeceu a presenza do presidente da Cámara de Comercio, Juan Carlos Parada, e da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, ao que lle pediu apoio para lograr “que a provincia e Ourense sexan ese nó de comunicacións da Eurorrexión, como foi tamén na época dos romanos, e así poder loitar contra ese mal que é a despoboación”.

Fotos: Carlos G. Hervella e Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button