EconomíaEconomíaÚltima hora

O Laboratorio de Iniciativas Sostibles CEO ten asesorado e formado a máis de 200 persoas

Esta iniciativa desenvolvíase por toda a provincia dende o mes de febreiro e na clausura participaba Laura Fernández da cooperativa valdeorresa InCrescendo Colectivo

A presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, na clausura do Laboratorio de Iniciativas Sostibles.

 

A edición deste ano do Laboratorio de Iniciativas Sostibles da CEO (Confederación Empresarial de Ourense) no marco da Rede Eusumo acaba de pecharse cos obxectivos cumpridos. Esta iniciativa persegue a promoción, visibilización e desenvolvemento da economía social a través da formación, asesoramento, participación e cooperación e levouse a cabo por toda a provincia de Ourense.

En total, desde febreiro pasaron por este laboratorio máis de 200 persoas que, coa axuda dos técnicos do proxecto, conseguiron definir mellor as súas ideas de negocio e xeraron iniciativas para promover un desenvolvemento máis social e sostible da provincia de Ourense. Ao longo destes meses, xeráronse 55 horas de encontros en diferentes espazos de 4 localidades e tamén en centros de FP para traballar sobre ideas, pero tamén para axudar a emprendedores e a persoas autónomas e negocios na súa etapa inicial a desenvolver as súas pemes ou actividades. Tamén se traballou durante estes encontros e actividades sobre a detección de oportunidades ao redor de varios eixos temáticos como a chegada do AVE, o factor transfronteirizo de Ourense, as persoas maiores e o turismo sostible.

 

Asistentes á clausura na sede da CEO, en Ourense.

 

O laboratorio tamén desenvolveu accións formativas para transformar as ideas en negocios sociais e sostibles, e para mellorar as habilidades de comunicación e falar en público, imprescindibles para transmitir as iniciativas dos participantes. Finalmente, do total destes participantes, 40 obtiveron asesoramento personalizado para levar adiante as súas ideas de negocio ou consolidar as existentes mediante parámetros propios da economía social. O Laboratorio de Iniciativas Sostibles da CEO tamén prestou apoio a aquelas entidades xa constituídas que necesitaban un empuxe para darse a coñecer, mellorar a súa competitividade e impulsar o seu negocio.

 

Laura Fernández (segunda pola esquerda) coa presidenta da CEO, entre outras asistentas ao acto.

 

Acto de clausura

Esta mañá, a CEO acollía a clausura deste proxecto, coa presenza de Margarita Ardao, directora xeral de Emprendimento e Apoio ao Emprego; Marisol Nóvoa, presidenta da CEO e Eva Castro, técnica dinamizadora das actividades. Nóvoa destacou a finalidade do proxecto e os obxectivos cumpridos ‘visibilizar e promocionar a economía social e proxectos e iniciativas encamiñadas a lograr unha provincia máis sostible a través do seu tecido produtivo’. Pola súa banda, Margarita Ardao lembrou a aposta da Xunta polo emprendemento en economía social, porque fixa poboación e un emprego de calidade, e destacou as boas condicións dunha provincia como Ourense para emprender, con iniciativas, ben comunicada, con potencial e rica en moitos sectores.

 

Laura Fernández, de InCrescendo Colectivo, presentando o último episodio do podcast “CHEASdeVIDA”.
Un momento da presentación.

 

Tamén acudiron ao evento de peche participantes nas actividades do laboratorio, como Laura Fernández, creadora da cooperativa valdeorresa InCrescendo Colectivo, un proxecto social para visibilizar á muller rural, que presentou a súa actividade (o último episodio do podcast CHEASdeVIDA) e explicou como o laboratorio lle axudou a desenvolver a súa idea de negocio, asegurando que ‘este tipo de iniciativas conseguen que crezas e desenvolvas novas ideas’.

Outro dos intervenientes foi David Martínez, presidente dos autónomos ourensáns, que participou activamente no Think Tank Sostibles Ourense, un grupo de traballo que cuadriplicou os seus membros desde o inicio do laboratorio e que conseguiu establecer un espazo de diálogo e xeración de ideas para promover o desenvolvemento sostible. Martínez destacou a creación e consolidación deste grupo para continuar coas achegas e a importancia de desenvolver este proxecto en toda a provincia, o que deu a oportunidade de coñecer iniciativas empresariais moi interesantes e innovadoras.

Artigos relacionados

Back to top button