SanidadeÚltima hora

Perfil do paciente Covid na provincia: 47 anos e pasando a enfermidade na casa

Os maiores de 80 pasan de ser o colectivo mais afectado en ondas anteriores ao de menor incidencia con só o 4.8% dos contaxios e 13 casos en toda a provincia

 

Da análise dos datos de casos activos de Covid19 a día de hoxe, 271, na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, determínase que a enfermidade prevalece lixeiramente entre os homes (o 52.8%) cunha media de idade de 47.6 anos, sendo o mais habitual pasar a enfermidade no domicilio, o 89.3%, e con seguemento por parte do Centro de Saúde ou do Equipo de seguemento compartido de Atención Hospitalaria (ESCAH) e sen necesidade de ingreso.

A idade media entre os pacientes con complicacións graves da Covid19, e que requiren ingreso é a día de hoxe de 68.9 anos, cunha mínima presenza de maiores de 80 anos. Do total de 271 casos positivos rexistrados en Ourense, só son 18 os pacientes ingresados en planta a día hoxe, 15 no Hospital Universitario de Ourense e 3 no de Verín.

Esta idade media é lixeiramente inferior entre os pacientes ingresados nas Unidades de Críticos, 11 a data de hoxe, cunha media de 63.1 anos.

En canto a distribución por tramos de idade destaca especialmente a baixa porcentaxe de contaxios diagnosticados entre maiores de 80 anos: 4.8%, que pasan a ser o grupo etario con menor incidencia a nivel global, en contraste coas tres primeiras ondas anteriores da pandemia, nas que foron o colectivo mais afectado, tanto en número de contaxios como na gravidades destes.

Así a distribución por tramos de idade cos datos a día de hoxe son os seguintes: maiores de 80 anos: 4.8%, ou o que é o mesmo, 13 persoas; 70 a 79, 12.5%, 34 persoas; 60 a 69 17,3%, 47 persoas; 40 a 59 anos, 29.9%,81 persoas; 18 a 39 anos, 24.8%, 67 persoas; e menores de 18, o 10.7%, 29 persoas.

Ao igual que en ondas anteriores, mantense un lixeiro maior número de casos entre os homes, 143, fronte a 128 entre mulleres, cunha idade media algo menor que entre os homes 46.3 anos, fronte aos 48.9 dos varóns.

Sen dúbida, este cambio tanto na incidencia global, presión asistencial e redución da idade media dos pacientes con complicacións graves e hospitalizados, está directamente relacionado coas medidas de restrición, a vixilancia epidemiolóxica, os rastrexos de contactos e cribados poboacionais e a extensión da vacinación fronte a Covid19 e, moi especialmente, coa alta cobertura desta entre as persoas que viven en residencias sociosanitarias e os maiores de 80 anos, colectivo mais afectado en vagas anteriores e con maior risco de desenvolver complicacións graves.

As esperanzas depositadas na vacinación estase confirmando, con datos en vida e tempo real, “As vacinas son efectivas para reducir a infección por SARS-CoV2, as hospitalizacións, os ingresos en unidades de críticos e a mortalidade” subliña María Sande, xefa do Servizo de Medicina Preventiva da Área Sanitaria de Ourense e membro do Comité Clínico que asesora a Xunta de Galicia nesta pandemia.

Ademais dos datos que se están a recoller en países con altas coberturas, como Israel ou Reino Unido, onde mostraron unha efectividade superior ao 90%, tanto para reducir infección como para reducir os casos de enfermidade grave, para a Dra. Sande, un dato para resaltar é que “esta efectividade vacunal mantense en persoas vulnerables por mor da idade, é dicir obtéñense cifras similares en anciáns” onde os resultados que se están a recoller en España son realmente exitosos como “o descenso do 97% en casos que requiren hospitalización e do 98% de mortalidade”.

Os datos invitan ao optimismo, pero tamén á prudencia, xa que como destaca a doutora Sande “existe unha pequena porcentaxe de poboación que pode non responder á vacina e por tanto poden infectarse polo virus SARS- CoV-2”. Este feito pode estar relacionado con condicións fisiolóxicas ou de saúde da propia persoa, como enfermidades crónicas que conleven problemas coas defensas inmunitarias, ou en persoas maiores, nas os sistema inmunolóxico pode ser menos efectivo.

Existen datos indirectos que avalan unha posible menor contaxiosidade das persoas vacinadas que adquiren a enfermidade, non sí, de momento, convén non baixar a garda e manter, ata que as autoridades sanitarias indiquen o contrario, as medidas de autoprotección e solidariedade cos demais, respectando o uso da máscara e de distanza social, alí onde está indicado, unha correcta hixiene de mans e mantendo ventilados os espazos pechados en reunións con non convivintes.

Artigos relacionados

Back to top button