CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Poesía e música da man de Paco Campos, na 3ª xornada das ‘Noites de Florencio’ en Portela (Vilamartín)

O espectáculo 'Cantarenas na noite' será este sábado 16 de xullo ás 23 horas na Aira dos Bolos

Paco Campos en ‘Cantarenas na Noite’ no Ciclo De Perto, no Barco.

 

A terceira xornada das ‘Noites de Florencio’ cambia de escenario e nesta fin de semana desprázanse ata a casa de Xosé Gayoso, o primeiro presidente do IEV e gran amigo de Delgado Gurriarán. Será alí, na Aira dos Bolos de Portela, no concello de Vilamartín, onde o actor valdeorrés Paco Campos dará vida ao autor das Letras Galegas 2022 cun espectáculo de poesía, música e audiovisual.

Producido por Social Docs e Domingo D. Docampo ‘Cantarenas na noite’ (a obra que hai uns días puxoe en escena no Ciclo De Perto, no Barco) arranca con Campos á guitarra e unha conversa con Pepe Gayoso. Ao longo do espectáculo, que repasa a vida e as poesías de Florencio, tamén van intervindo outras voces do arquivo sonoro de Ricardo Gurriarán. Con imaxes da comarca, rostros do exilio e da represión, inclúe cara ao final a evocación da patria de acollida, México, e mais o recoñecemento da súa terra natal.

O espectáculo comeza ás 23 horas e aproveitarase para distribuír o tríptico ‘Ledicia de Córgomo’, unha lembranza deste ano tan especial para a veciñanza da comarca.

Artigos relacionados

Back to top button