Poema e poesía. Dous piares nos que Chus Pato (Ourense, 1955) apoiaba o seu discurso de ingreso como membro de número na Real Academia Galega (RAG) no mediodía do 23 de setembro, nunha sesión extraordinaria e pública no IES Otero Pedrayo de Ourense, centro do que foi alumna.
Accedía ao paraninfo acompañada polas dúas últimas persoas que entraron na Academia xusto antes ca ela: Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre. Unha imaxe histórica, segundo o presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes, na liña da aposta desta institución nos últimos anos por “contar co gran pulo que é a incorporación da muller”, pola “presenza activa da muller, da bandeira que un día ergue Rosalía de Castro”.
Chus Pato iniciaba a súa intervención, titulada “Baixo o límite”, cunha referencia a Xohana Torres, recentemente falecida, e de seguido enfiaba un discurso “dividido en dúas alas e unido polo corpo dun insecto que a min me gustaría bolboreta. Na ala dereita ocupareime da voz, da relación entre a biografía e a escritura, da concordancia imposible entre a banda sónica e a banda conceptual, do poema como afirmación, testemuña, resto que resiste ou ruína. Na ala sinistra acumularei razóns sobre a figura e os limítes, sobre o tempo, a verdade, a grande arte ou grande poema”.
Referíndose ao escenario deste acto, o instituto no que se formou décadas atrás, confesaba que non podía presumir de “ter sido unha boa estudante; con todo hai leccións que se gravan para sempre a fogo no corazón e na lembranza: agradezo hoxe ao académico Xesús Ferro Couselo que nunha mañá moi fríae xa moi afastada no tempo se mantivese na súa palabra diante da policía, insistindo en que eu me encontraba na súa aula”, cando en realidade colaborara no reparto de planfetos da UPG no adro do edificio. “Isto, alén de solidariedade, é ensinar Filosofía”, subliñaba. Cuns versos de Francisco Cortegoso (de Memorial e danza), concluía o seu discurso de entrada na RAG, “entrada que dividirá o meu corpo en dous e para sempre, o da académica e o da persoa que son”.
Tras un dilatado aplauso, respondíalle en nome da RAG Francisco Fernández Rei, que agradecía a esta institución o feito de telo escollido para “apadriñar a entrada dunha das figuras máis innovadoras e de maior proxección internacional da poesía galega contemporánea”. Despois de repasar a súa traxectoria vital, centrábase na súa faciana literaria. “Chus Pato comezou a escribir poesía, en castelán, con 10 anos e sen interrupción ata os 18. Deixou de facelo mentres estudaba a carreira, para con 23 anos, vivindo na rúa Arzúa de Compostela, iniciar un segundo ciclo de escritura, sempre poesía, agora en galego, a lingua que falaba a súa avoa”. Lembraba ademais a publicación dos seus primeiros poemas en 1984 en “Escrita”, revista da Asociación de Escritores en Lingua Galega, así como a súa posterior carreira literaria, incidindo en aspectos como que dende o 29 de setembro de 2015 os versos de “Secesión” (2009), “lidos na súa propia voz, son os primeiros en lingua galega que forman parte dos fondos sonoros da Woodberry Poetry Room da Universidade de Harvard, onde está a voz poética de grandes figuras das letras universais”.
Tras esta resposta, o presidente da RAG entregáballe a Chus Pato o diploma e impoñíalle á medalla como nova académica. A partir de agora esta poeta ocupará a cadeira que quedou vacante tras o pasamento do tamén ourensán Xosé Fernández Ferreiro, a quen Pato dedicaba unhas agarimosas palabras ao remate do seu discurso, “a el úneme a ribeira do Miño, terra do meu pai”, dixo. Recordaba tamén a outros académicos que a precederon nese mesmo posto: Francisco Fernández del Riego, Florentino López Cuevillas e Uxío Carré Aldao.
Fotos: Carlos G. Hervella, agás a última imaxe da galería.