A VeigaConcellosÚltima hora

Ponencias e unha visita á explotación, nas xornadas sobre as minas de volframio de Vilanova (A Veiga)

 

Co obxectivo de “pór en valor e promocionar unha parte da historia da Veiga en relación co volframio, mineral de gran importancia industrial e fundamental para a fabricación de armas na II Guerra Mundial, e de grande importancia no noso recente pasado”, xurdían as Xornadas O Volframio de Trevinca, promovidas pola Casa de Turismo Rural e Empresa de Turismo Activo O Trisquel de Vilanova de Trevinca, en colaboración co Concello da Veiga, que se celebraban onte e hoxe (3 e 4 de agosto) neste municipio valdeorrés.

Foron moitos os veciños que traballaron nas minas de Vilanova de Trevinca nas súas diferentes etapas, dende 1916 ata finais dos anos 50, para extraer un mineral estratéxico nos conflitos bélicos como é o volframio. De aí a relevancia desta explotación, que colocaba a esta aldea nun contexto internacional tan importante como o da primeira e segunda guerras mundiais. “A memoria das minas está moi metida na xente da Veiga e supuxo un revulsivo moi importante, de feito a primeira estrada que se construíu foi a da Veiga a Vilanova co fin de sacar o mineral cara O Barco, que era transportado en carros de bois”, lembra Antonio Fernández “Cholo”, que leva anos recabando datos destas minas sobre as que falaba no acto que se celebraba onte pola tarde no Salón de Conferencias do Toural, na Veiga.

 

Visita ao futuro Centro de Interpretación do Volframio en Trevinca.

 

O acto, ao que asistían 54 persoas, contou tamén coa presenza do alcalde, Juan Anta, e de Eduardo González Clavijo, do Colexio Oficial de Xeólogos que impartiu unha charla sobre o volframio como un mineral estratéxico. O programa continuaba na mañá deste mércores cun percorrido guiado ata as Minas de Vilanova e unha visita ao futuro Centro de Interpretación do Volframio en Trevinca, no que participaban 34 persoas.

Fotos cedidas.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button