A RúaConcellosÚltima hora

Ponse en marcha o albergue municipal de peregrinos da Rúa

Está xestionado pola Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago e esta noite xa aloxará a camiñantes

 

Intres despois da súa inauguración, que tiña lugar no mediodía deste 15 de marzo, o albergue municipal de peregrinos da Rúa xa rexistraba ao seu primeiro camiñante, Jordi de Xirona. E, pouco despois, entraba unha peregrina inglesa. Este novo servizo convértese nunha realiadade despois de moitos anos de esforzo, tal e como destacaba no seu acto de apertura Luis F. Gudiña, concelleiro do equipo de traballo rues. “Para nós este é un acto importante porque levamos bastantes anos traballando e loitando, en concreto dende o 2017, para conseguir que A Rúa tivese un albergue, para dar cobertura as necesidades que observamos, pola gran cantidade de peregrinos que fan o Camiño de Inverno para chegar a Santiago. Dende o grupo de goberno municipal entendemos que era un obxectivo prioritario poñer en marcha este albergue e quixemos darlle o último empuxón para, canto antes, dispoñer del. E hoxe temos unha gran satisfacción no Concello porque se pon en marcha e pensamos que vai ser un punto de inflexión para A Rúa, aspiramos a converternos nun punto de referencia desta ruta xacobea como final dunha etapa”.

 

 

Ademais, Fernández Gudiña lembraba que para poder culminar esta apertura se asinaba un acordo entre o Concello e a Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS), que asumirá a xestión do albergue a través do sistema de donativo e atendido por hospitaleiros voluntarios. “Tivemos que buscar distintas alternativas e atopámonos con AGACS, que foi a que nos axudou e nos guiou e que se fai cargo da xestión do noso albergue, e para nós supón unha enorme satisfacción saber que unha asociación da experiencia deles o vai levar”.

 

 

Pola súa banda, a alcaldesa da Rúa, María G. Albert, incidía no potencial do Camiño de Inverno como ruta xacobea. “Este camiño ten moito futuro e así o demostra a realidade, hoxe imos inaugurar xa con xente durmindo nel. E pensamos que isto tamén vai ser servir para que a iniciativa privada, non só da Rúa, senón do conxunto da comarca de Valdeorras, se involucre moito máis nisto porque o Camiño de Inverno é unha riqueza para nós e temos que estar á altura do que esa riqueza supón”.

 

 

O acto tamén contaba coa presenza, entre outras persoas, de Ildefonso de la Campa Montenegro, director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta; da presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras, Asunción Arias, e de representantes de AGASC, entre eles o seu presidente, Manuel López, quen aseguraba que para a entidade, “isto é unha aposta importante de futuro”. Ademais poñíase en valor a colaboración co Concello da Rúa e o valor da hospitalidade nos albergues do camiño, “é  moi importante que o peregrino cando chegue aquí se atope na súa casa”.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button