PolíticaÚltima hora

Pontón fixa como prioridade dun goberno BNG “rescatar o rural cunha política de discriminación positiva de servizos públicos”

A portavoz da formación nacionalista abría esta mañá a xornada de traballo "Por un rural vivo"

 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, abría hoxe en Santiago a xornada de traballo “Por un rural vivo” afirmando que “todos os países avanzados teñen un rural forte e produtivo que garante a soberanía alimentaria, crea riqueza, é sustentable no ambiental e ofrece servizos de calidade. Ese é o rural que defende o BNG, porque temos clarísimo que é parte estratéxica e imprescindible para unha Galiza con futuro”, destacou.

Por iso, a líder nacionalista fixa como prioridade dun goberno liderado polo BNG “rescatar o rural” do abandono no que o deixan as políticas do PP. “A Galiza rural está conformada por 263 concellos e ocupa o 90% do territorio, ¿alguén se imaxina unha Galiza de futuro sen o 90% do seu territorio? Para o BNG é inconcibible, por iso temos que rescatar o rural do abandono, da improdutividade e da despoboación, temos que rescatar o rural da morte lenta que significan as políticas do PP”, comprometeu.

“O abandono do Goberno do PP tamén se expresa en números”, asegura o BNG, “en 2021, deixou sen executar o 21% do orzamento, desde 2009 o investimento en valorizar e dinamizar o medio rural caeu en 1.412 millóns de euros”.

Pontón considera que ese rescate do rural é posible e presenta un Plan estratéxico para un rural vivo e con futuro estruturado en dez liñas de actuación e ten como principal baza unha política de discriminación positiva en materia de servizos públicos, con medidas concretas que foron enumeradas pola líder nacionalista: “manter as escolas unitarias, dotar de pediatría todos os centros de saúde, reverter os recortes sanitarios no medio rural, garantir os servizos bancarios e reforzar todos os servizos sociais”.

A segunda liña estratéxica ten como obxectivo clave conseguir “un rural produtivo, que aporte alimentos de calidade e permita a soberanía alimentaria, e para iso inclúe no plan de rescate mobilizar terra agrícola abandonada. En concreto, 100.000 hectáreas en dez anos, e recuperar para uso agrario as terras ilegalmente forestadas”.

Dentro desta aposta, a formación nacionalista incide en “impulsar a produción hortifrutícola e a agroecoloxía, superando a reducionista visión do monocultivo de eucalipto. De feito, a superficie agraria destinada a produtos de consumo humano é do 3,9%, mentres que no conxunto do Estado é o 25,5%, por contra, Galiza ten un 20% do seu territorio ocupado por eucaliptos. Estamos falando de superficie agraria destinada a produción de cereais, hortalizas, froitas, legumes, oleaxinosas ou aceite, pese a que temos unhas condicións extraordinarias para os cultivos agrarios. Pero nos últimos anos, baixou a produción de trigo, de millo, de pataca, de tomate, de pemento, de uva para o viño, etc. Hai que darlle a volta a esta tendencia e apostar pola produción”, argumentou Pontón.

 

 

Amazón galego para o rural

O Plan estratéxico para un rural vivo outurga “un papel clave á comercialización con medidas como a posta en marcha de centros comarcais de envasado e etiquetaxe pensados parar facilitar a venda da produción de quilómetro cero; a creación dunha plataforma público-privada de comercialización online, a modo de amazon galego para produtos frescos e elaborados de orixe agrogandeira”.

Igualmente, no ámbito da comercialización, proponse “promover o consumo de produtos locais no ámbito público como residencias, hospitais, centros educativos, edificios administrativos. Ademais de apoiar ó produtor local, redúcese o impacto ambiental”.

A quinta liña estratéxica do plan de rescate é a dotación en infraestruturas, cunha aposta pola dixitalización do medio rural e por estender as novas tecnoloxías, “mellorar as comunicacións para garantir unha mobilidade propia do século XXI, potenciar o transporte público e apostar polo tren como transporte de conexión tamén na Galiza interior”.

A sexta liña de traballo pon o foco en conseguir rendas xustas e dignas para produtores e produtoras, establecendo na Lei da cadea alimentaria un mecanismo de fixación de prezos que imposibilite vender a perdas.

Empoderar á muller no rural

Un aspecto clave do plan de rescate do rural son as políticas de igualdade para a muller, “empoderar as mulleres e darlle o recoñecemento e o papel que lles corresponde porque son imprescindibles, de feito, algunhas das experiencias actuais máis innovadoras son autoría de mulleres, pero precisan ter un apoio que hoxe non teñen”, salientou,

Igualmente, é imprescindible “rexuvenecer o rural”, e iso pasa por atraer a xente moza, por facilitar o relevo xeracional, indo máis aló das axudas directas, “porque só poderemos levar a mocidade ó medio rural cando lle ofrezamos servizos, rendas dignas, infraestruturas, boas comunicacións, ocio, tecnoloxía”.

Artigos relacionados

Back to top button