PolíticaÚltima hora

Pontón: “O compromiso do BNG nestes comicios é darlle voz propia a Ourense e a Galiza”

A portavoz nacional desta formación acompañaba no mitin de Allariz ao cabeza de lista pola provincia ao Congreso, Francisco García

 

O BNG ten a “capacidade para transformar en positivo e mellorar a vida das persoas”. Así o destacaba a portavoz nacional desta formación política, Ana Pontón, no mitin celebrado na tarde do 1 de novembro en Allariz, no que acompañaba ao cabeza de lista por Ourense ao Congreso, Francisco García.

“Paco García é un experto, en transformar en positivo, en mellorar a vida da veciñanza, fixoo aquí en Allariz e queremos que o faga para toda a provincia colocando Ourense no centro da axenda política do Estado, colocando as cuestión claves de futuro desta provincia no Congreso, dándolle unha voz forte que as faga valer ante o Goberno do Estado”, destacaba Pontón.

Insistía ademais en que o compromiso do Bloque nestes comicios é “darlle voz propia a Ourense e a Galiza no Congreso para facernos valer e defender o noso. Hai outros que se conforman con darlle acento gallego”, ironizou, “os mesmos que pactaron con Sánchez e votaron a favor dos peores orzamentos do Estado para Galiza en vinte anos; son os mesmos que ían de nova política e faltoulles tempo para facer o que o vello bipartidismo de sempre (PP-PSOE) leva facendo toda a vida: discriminar e ningunear a este país”.

Pontón instou a aproveitar o 10N para “rebelarse contra ese agravio e ese pasotismo” das forzas estatais  e a confiar nun “BNG que vai devolverlle a Galiza o peso político que non debeu perder no Estado, cunha voz propia no Congreso forte, clara, contundente, rotunda””, dicía.

E no caso de Ourense, matizaba “é urxente acabar coa discriminación a esta provincia, que precisa como auga de maio solucións aos seus problemas: desde a crise demográfica, (marcada polo envellecemento e a despoboación), ao déficit en infraestruturas”.

Pola súa parte, o cabeza de lista ao Congreso por Ourense, Francisco García, lembrou a revolta de Allariz de 1989 e chamou á cidadanía alaricana a “converter o cabreo nun voto construtivo” para rachar co “bipartidismo”. O 10 de novembro, indicaba, “cúmprense trinta anos de goberno nacionalista en Allariz, exemplo de que o BNG é capaz de ofrecer as políticas alternativas que precisa esta provincia e o país”.

Destacou que é un momento moi importante no que Galiza precisa voz propia en Madrid. “Ourense está a sufrir unha sangría demográfica que PP e PSOE provocaron coas súas políticas que relegaron esta provincia hoxe desaparecida do debate do Estado, hai que pasar a páxina do agravio e da discriminación do bipartidismo PP-PSOE, ao que se sumou a chamada nova política co seu baile de siglas”, concluía.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button