O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, veñen de asinar un convenio de colaboración, polo cal a Xunta investirá entre 2015 e 2016 un total de 150.000 euros para a posta en marcha de servizos de atención diurna que cubran as necesidades de 20 persoas maiores e/ou con dependencia en Quiroga.
Para este fin, “ampliarase e adaptarase un edificio municipal de servizos sociais que se destinará á atención diúrna para que os veciños e veciñas poidan contar cun servizo de carácter asistencial e público onde poidan recibir unha serie de coidades e atencións de carácter persoal, terapéutico e social” explican dende a Consellería de Traballo e Benestar. Pola súa banda, o Concello, a través da sinatura deste convenio, comprométese a licitar, tramitar e levar a cabo todas as contratacións necesarias para a adaptación do edificio municipal de xeito que permita poñer en marcha estes servizos.
Ademais desta, Traballo e Benestar e Quiroga manteñen outras liñas de colaboración como “a organización do campo de traballo de carácter internacional que rematou esta semana, no que os voluntarios, entre outras accións, realizaron tarefas de reinterpretación e acondicionamento do camiño de Santiago ao seu paso polo concello lucense, a través dun obradoiro de sinalización do Camiño e traballos de conservación e mellora do trazado” explican dende a Consellería.