ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Porto de Sanabria (Zamora) exhibe os mellores exemplares da raza Alistana Sanabresa

Máis de 2.000 persoas pasaron pola Feira do Gando celebrada o 26 de agosto

Actualmente hai 3.508 cabezas de gando da raza bovina autóctona Alistana-Sanabresa que permanece en localidades de montañas de Zamora, León, Segovia, Ávila, Palencia e Burgos. “Afortunadamente o censo aumenta cada ano aínda que diminúe o número de gandeirías pasando das 43 do ano pasado ás 37 actuais, principalmente debido a baixas e aos negocios non adaptados á lei”, explican dende A.E.C.A.S (Asociación Española de Criadores de raza Alistana Sanabresa).

Algúns deses exemplares, máis de 400 das tres explotacións que se manteñen en Porto de Sanabria (das gandeirías de José Díeguez, José Díez e José Antonio Bruña), ademais das levadas pola Asociación e por Mario Nogueira, puderon verse na Gran Feira Tradicional de Gando Autóctono Alistana-Sanabresa celebrada na localidade zamorana o domingo 26 de agosto. A inauguración tiña lugar en torno ás 11h. e media hora despois comezaba o XVII concurso morfolóxico nacional coa posterior entrega de galardóns: aos sementais, reprodutoras, novelas (1º premio para José Díaz de Porto), novelos (1º premio para José Díaz e 2º para José Diéguez de Porto), tenreiras/os, ao mellor exemplar que foi para José A. Bruña de Porto, ao mellor lote e á mellor gandeiría.

A xornada incluía a rifa de dous chuleteiros de raza autóctona 100% Alistana-Sanabresa e unha degustación gratuíta de carne entre os asistentes. “Máis de 2.000 persoas”, segundo a alcaldesa de Porto Guadalupe Carracedo que asegura que saíu todo moi ben. No recinto, e tamén polas rúas de Porto (ademais do gando houbo mercado con todo tipo de artigos e produtos), pudo verse xente da zona pero tamén moita da contorna e das veciñas comarcas de Viana do Bolo, Valdeorras e mesmo Terras de Trives. Entre as autoridades presentes, ademais de alcaldes da zona, estaba o vicepresidente da Deputación de Zamora Juan Dúo e o procurador de Ciudadanos de la Junta de Castilla y León David Castaño.

Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button